+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018

Cerdedo-Cotobade volverá a abrir en 2017 o calendario do circuito de bicicleta de montaña Transgalaica


A carreira, incluída nas series galegas de maratón de BTT xunto con Ames e Vigo, está organizada por Monteferro Bike Club

O Concello de Cerdedo-Cotobade volverá a ser o gran protagonista do circuito de bicicleta de montaña Transgalaica no vindeiro ano 2017, xa que acollerá novamente a proba inaugural destas prestixiosas series galegas de maratón en BTT. A falta de que o calendario reciba oficialidade por parte da asamblea xeral da Federación Galega de Ciclismo, a carreira terá lugar o vindeiro 26 de febreiro e volverá a reunir a centos de corredores procedentes de toda Galicia e de moitos puntos de España, xa que a Transgalaica é unha das competicións máis recoñecidas de toda a Península Ibérica.

A Transgalaica 2017, que está plenamente consolidada no mundo da BTT e que alcanzará a súa decimosegunda edición, escolleu novamente a Cerdedo-Cotobade para abrir o seu calendario pola magnífica organización realizada o pasado mes de febreiro, pola beleza dos paisaxes e montes da zona, a magnífica situación de infraestruturas e camiños para a competición e polo tirón que este municipio ten para os ciclistas. Neste senso, cabe lembrar que na derradeira carreira celebrada en Carballedo participaron máis de 400 deportistas, establecendo un récord histórico nas citas de bicicleta de montaña da comunidade.

A carreira, que dará paso ás probas de Ames e Vigo e unha cuarta nunha localidade aínda por determinar, estará organizada por Monteferro Bike Club coa colaboración do Concello de Cotobade.

O presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, amosou a súa satisfacción pola decisión da organización da Transgalaica 2017 de escoller de novo ao municipio como punto de partida destas series “xa que se trata dunha proba de moitísimo prestixio, o que nos segue a situar como referenza dos deportes que se celebran na natureza”. Ademais, destacou que os organizadores valoraran o traballo feito e o bo estado do circuito cotobadés, “posto que demostra o moito que estamos a traballar para que a xente veña a Cotobade e o moito que nos esforzamos en ter todo o noso concello nas mellores condicións”. Por último, agardou que novamente centos de deportistas, xunto cos seus equipos, familiares, amigos e siareiros do ciclismo, se acheguen ata Cerdedo-Cotobade “para vivir outro marabilloso día de deporte e natureza”.

Deja un comentario