+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017

Cores Tourís analizou cos alcaldes de Marín, Catoira e A Cañiza as demandas dos municipios en relación á administración autonómica


O novo delegado territorial da Xunta en Pontevedra realizou unha visita institucional a estes concellos con motivo do seu nomeamento

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, realizou hoxe unha visita institucional aos concellos de Marín, Catoira e A Cañiza onde mantivo unha entrevista cos seus alcaldes, os que lle transmitiron as principais preocupacións dos municipios en relación á actividade da administración autonómica.

O delegado territorial continúa así, tras tomar o pasado luns 21 posesión do seu cargo, a rolda de visitas polos concellos dependentes da Delegación Territorial de cara a escoitar os responsables municipais e analizar as súas demandas.

Entre as principais necesidades que demandou a rexedora de Marín ao delegado territorial se atopan cuestións relacionadas con política social e infraestruturas.

María Ramallo transmitiu a Cores Tourís, a necesidade do municipio en relación a execución de sendas peonís, co obxectivo de que dende a Consellería de Infraestruturas e Vivenda se tome nota desta solicitude. En especial, en opinión da alcaldesa, sería necesario executar novas sendas na estrada entre Marín e Moaña así como na PO-551, dando continuidade a senda de Bagüín e facilitando os accesos ás praias.

Ademais, tamén informou ao delegado territorial da preocupación que existe na localidade polo Templo Antigo, “xa que debido o seu mal estado de conservación, debe estar pechado. Gustaríanos que Patrimonio analizara a súa situación de cara a poder solicitar axudas para a súa recuperación”.

Finalmente, outra das cuestións plantexadas nesta reunión foi a de axilizar o traspaso do antiga Casa do Mar de Marín ao concello de cara a poder instalar neste edificio un futuro centro de maiores, “xa que se trata dunha demanda real e necesaria para o noso concello”.

Catoira
Pola súa banda, o alcalde de Catoira, Alberto García, transmitiu a Cores Tourís, a necesidade do municipio en relación ao avance da concentración parcelaria deste concello, dado que se deu traslado dende os afectados á Xefatura Territorial de Medio Rural case 500 alegacións que agora deben ser resoltas pola administración autonómica. Neste senso, o delegado territorial avanzoulle ao alcalde que a maioría xa se atopan tramitadas e agora terá que ser a Xunta Local da concentración quen as aprobe antes do seu envío á Consellería. “Neste senso, acabo de anunciarlle ao rexedor que volveremos en decembro a Catoira para realizar este trámite e manter tamén unha reunión coa Xunta Local”, asegurou o delegado territorial.

Por outra banda, García tamén trasladou a José Manuel Cores Tourís o desexo do concello de acollerse a axudas autonómicas que permitan completar o equipamento do novo concello ante o inminente traslado das dependencias.

Ademais, recordou o alcalde de Catoira que o concello está a espera da resolución en relación ao proxecto presentado ante o GALP (Grupos de acción local do sector pequeiro), e tamén do proxecto para a construción dunha réplica dun barco vikingo en poliester, “que nos permita contar cunha nave máis duradeira”, e que se presentará ao programa Leader do GDR Salnés-Ulla-Umia dependente do Agader.

 

A Cañiza
Finalmente, o rexedor de A Cañiza, Miguel Adolfo Domínguez, tamén comentou as necesidades do municipio en relación ao avance da concentración parcelaria deste concello, en concreto na zona de Oroso. Esta parcelaria, que conta con 626 propietarios e 1.864 fincas, está pendente da entrega de títulos. Neste senso, o rexedor pediulle ao delegado territorial que se axilice a súa tramitación de cara a súa conclusión, “xa que aínda que neste 2016 é certo que se traballou moito na mellora e acondicionamento de camiños das parcelarias do municipio, consideramos necesario que á de Oroso tamén se lle dea un pulo que lle permita avanzar”.

Por outra banda, o delegado e o alcalde tamén analizaron os investimentos que a Xunta de Galicia realizará neste concello a partir do próximo ano, como será a urbanización da rúa Vilanova ou a mellora do abastecemento do casco urbano, “onde se investirán 600.000 euros ao longo dos próximos cinco anos, mellorando así as infraestruturas do casco urbano”, engadiu Domínguez.

O delegado territorial, pola súa banda, destacou que nos próximos días estará a visitar os diferentes concellos das comarcas do Deza, Tabeirós-Terra de Montes, Pontevedra, Salnés, Caldas de Reis, Morrazo, Baixo Miño e Condado-Paradanta, de cara a recoller as necesidades dos mesmos, “en especial tendo en conta a próxima aprobación dos orzamentos autonómicos e cara a poder atallar as demandas e preocupacións dos municipios”.

Deja un comentario