+034 986 09 02 04 Sábado 14 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación rematará o Ano Castelao cunha gala multidisplinar no Pazo da Cultura de Pontevedra


O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, destacou que neste evento se volverán a poñer en valor as disciplinas que Castelao desenvolveu na súa traxectoria
O cartaz, un deseño de Rei Zentolo, homenaxea a mítica imaxe do mitin de Castelao e combina elementos simbólicos da súa traxectoria intelectual, política e artística
A Gala, que se celebrará o domingo 18 ás 18 horas, estará presentada pola actriz Bea Campos e contará coas actuacións de Carlos Blanco e Luis Davila, Xurxo Souto e Lydia Botana, Celso Parada, Limiar Teatro, e 2naFronteira
O domingo 18 de decembro ás 18 horas o Pazo da Cultura acollerá a Gala do Ano Castelao coa que a Deputación porá o broche final ao Ano Castelo 2016. Presentouse o cartaz do evento, un deseño de Rei Zentolo , con presenza da concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, do deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, da presentadora da Gala, a actriz Bea Campos, e o ilustrador Pablo Zentolo.
«Será unha gala multidisciplinar, con teatro, música e humor, na liña da programación que tivemos ao longo do ano, para dar idea de todas as facetas artísticas coas que traballou o propio Castelao, como o artista poliédrico que era», asegurou Xosé Leal durante a súa intervención. O deputado felicitou a Rei Zentolo polo cartaz e o simbolismo que conseguiu transmitir e que «representa unha figura que segue tendo vixencia hoxe en día, que é algo que levamos reivindicando ao longo de todo o ano».
Por parte do Concello de Pontevedra, que colabora neste evento, a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, afirmou que «a Gala supón o remate dun ano cargado de actividades, tanto nos concellos como no Museo, que achegaron a toda a poboación a figura do autor rianxeiro». Asegurou que o traballo realizado polo departamento de Cultura provincial foi «unha labor moi necesaria de achegamento e de coñecemento desta figura histórica», engadindo que «este remate fai ser espectacular».
O cartaz
O cartaz do evento é, en palabras do seu autor, «unha homenaxe ao mítico discurso de Castelao», e combina outros elementos máis acaídos ao carácter da Gala. A imaxe central é unha interpretación dunha coñecida foto de Castelao dando un mitin, enmarcada por referencias simbólicas como a imaxe da vaca do cartaz do plebiscito do estatuto, filigranas extraídas da máis mítica aínda portada do Grupo Nós, e a tipografía empregada nos pasos de peóns nos que este ano se insertaron frases de Castelao e das Irmandades da Fala.
Pablo Zentolo asegurou sentirse orgulloso por ter a «oportunidade de poñerlle cara a este evento» e explicou que como deseñador se atopou cunha dobre responsabilidade: a de ocuparse dun «evento único que vai ser o peche deste ano» e por «poñerlle imaxe a un acto vencellado á figura de Castelao». Como profesional indicou que a figura do rianxeiro é un referente, asegurando que «a calquera ilustrador lle gustaría verse algún día reflectido nunha traxectoria como a de Castelao».
A Gala
A actriz Bea Campos será a encargada de conducir un espectáculo no que a música, o teatro e o humor gráfico serán os protagonistas. A propia actriz afirmou, en ton de brincadeira, que «a miña responsabilidade será a de conducir a toda esta xentiña», ao tempo que aproveitou para convidar «a todo o mundo a que veña, porque vai ser un broche final precioso e perfecto». Na súa intervención, Bea Campos tamén fixo unha referencia á importancia do autor rianxeiro na súa vida profesional, xa que estudou no seu proxecto fin de carreira «a obra de arte total que Castelao plasma nos seus escritos».
O elenco que «conducirá» Bea Campos está composto por Carlos Blanco e Luis Davila, cun espectáculo adaptado de humor gráfico, e Xurxo Souto, Lydia Botana e 2naFronteira na parte musical. Mentres, as pezas teatrais correrán a cargo de Celso Parada e Limiar Teatro, que tamén participaron na programación teatral específica do Ano Castelao, cunha xira por todos os concellos da provincia. Ademais, no horario da Gala habilitarase un espazo infantil que estará atendido por Polo Correo do Vento.
A Gala do Ano Castelao terá entrada de balde, se ben será preciso retirar ou reservar convites con antelación. Para isto habilitaranse dous puntos de retirada de convites e un correo electrónico para reservas. Os puntos físicos serán a sede da Deputación en Vigo e o Sexto Edificio do Museo en Pontevedra. Tanto polo correo electrónico, que se fará público a vindeira semana, como nos puntos físicos, a retirada de convites habilitarase a partires do día 1 de decembro.

Deja un comentario