+034 986 09 02 04 Luns 11 de Novembro de 2019

Os diferentes colectivos integrantes da sociedade mosense abordan a lacra da violencia de xénero dende a perspectiva da ficción cinematográfica


Unha mesa redonda tras a visualización de diferentes curtas centrou a conmemoración deste triste Día Internacional

Hoxe conmemorouse no Concello de Mos o Día Internacional contra a Violencia de Xénero coa proxección no Multiusos dunha serie de curtametraxes sobre diferentes formas de violencia cara ás mulleres e tras a que se celebrou unha mesa redonda con debate.
Ao acto asistiron representates dos diferentes colectivos existentes no municipio, entre os que se atopaban ASOMAMOS (Asociación de Maiores, Pensionistas e Xubilados de Mos), a Asociación de Mulleres Rurais, Asodifisi (Asociación de Diminuídos Físicos e Psíquicos de Mos), o Grupo de Teatro de Mulleres de Mos, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, etc. Ademais tamén estiveron presentes membros da Policía Local de Mos, do departamento municipal de Servizos Sociais, representantes dos distintos grupos políticos da Corporación Municipal, xunto coa concelleira mosense de Política Social, Sara Cebreiro, e a edil de Educación e Participación Cidadá, Kely Monzón.
Este encontro simbólico consistiu na visualización de cinco curtametraxes e, tras cada unha delas, cumprimentar unha enquisa sobre a curta en cuestión. Tras o remate de tódalas proxeccións e enquisas, realizouse unha posta en común sobre como actuaría cada un dos presentes de atoparse nas situacións reflectidas nas cinco diferentes historias de ficción cinematográfica visualizadas.
As curtas proxectadas foron “El paraguas de colores”, “Celebraciones”, “El beso del astronauta”, “Mamás y papás” e “Por la flor de la canela”.
Sobre esta iniciativa Cebreiro, edil de Política Social, declarou que “dende esta concellería queremos conmemorar este Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero coa realización de actividades de sensibilización e concienciación, que contribúan a que todas as persoas tomemos conciencia da situación de vulnerabilidade na que nos atopamos todas as mulleres e, entre todas reflexionemos para detectar posibles situacións de violencia de xénero que se estean vivindo ou das que se teña coñecemento, e axudar así á súa erradicación”.
Ademais a concelleira aproveitou para lembrar e animar a participar nas actividades do vindeiro domingo, día 27, que son unha continuación da conmemoración do 25 de novembro.
Ditas actividades son a Macro Clase de Zumba contra a Violencia de Xénero, -na que xa hai inscritas máis de 500 persoas-, ás 12:00 horas no Pavillón Óscar Pereiro, e “Roedores”, un espectáculo familiar no que se fomenta a igualdade.
“Roedores” interpretarase a partir das 18:00 horas no Centro Dotacional de Torroso. E a través das aventuras de Peludiño e Munda os cativos asistentes achegaranse a conceptos como o de igualdade de xénero, de oportunidades, social, de dereitos, etc.; e entenderán o valor da amizade, do traballo en equipo e da aceptación dun mesmo e dos demais.

Deja un comentario