+034 986 09 02 04 Venres 13 de Decembro de 2019

Comeza a construción do enlace de Calvelo na N-541 para favorecer o acceso a parte das vivendas da zona


Na actualidade, veciños de parte do lugar deben desprazarse ata Tenorio para facer o xiro e poder chegar ata as súas casas

O Ministerio de Fomento acaba de comezar as obras de construción do enlace de Calvelo, na parroquia cotobadesa de Tenorio, que favorecerá o acceso a parte das vivendas da zona dende a estrada nacional N-541. Cabe sinalar que na actualidade, algúns veciños dunha parte de Calvelo deben desprazarse ata Tenorio para facer o xiro correcto cos seus vehículos e poder chegar ata as súas casas. Coa actuación en marcha, preténdese correxir esta situación e permitir unha entrada directa na localidade.

Estas obras do departamento estatal, enmarcadas no plan de mellora integral da N-541 no seu percorrido pola provincia de Pontevedra, contan cun orzamento superior aos 600.000 euros e o seu prazo estimado de execución sitúase nos seis meses. O Concello de Cerdedo-Cotobade xa está acollendo outras obras similares de seguridade vial nesta estrada, como o enlace de Serrapio ou a mellora de Cerdedo.

O presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, valorou moi positivamente esta actuación e quixo agradecer persoalmente a Ana Pastor a súa implicación en que saíran adiante cando desempeñaba a máxima responsabilidade ao fronte do Ministerio de Fomento.

Cubela amosouse convencido de que o enlace de Calvelo permitirá gañar en “funcionalidade e seguridade vial”, xa que os veciños non terán que facer un pequeno pero innecesario desprazamento ata Tenorio para acceder as súas vivendas e ademais axilizarase a mobilidade nunha zona cun tráfico bastante denso.

Finalmente, o rexedor solicitou comprensión aos veciños e aos demais usuarios da vía polas posibles molestias que lles poidan ocasionar as obras durante o vindeiro medio ano e sinalou a intención do goberno local de supervisalas regularmente “para que queden nas mellores condicións e para que a execución se realice no prazo máis curto posible”.

Deja un comentario