+034 986 09 02 04 Luns 11 de Novembro de 2019

Un libro sobre a xénese da violencia de xénero ambientado en Bueu


A Biblioteca Municipal Torrente Ballester acolleu o pasado venres un acto multitudinario, coa presentación da primeira obra de María José Rodríguez, “Por amor a ti, meu fillo”, unha novela curta publicada pola editorial portuguesa Áncora.
Ante un cento de persoas, a autora residente en Bueu estivo acompañada polo alcalde da vila, Félix Juncal, a concelleira de fomento da igualdade, Ana Isabel Otero e o autor portugués Valdemar Aveiro, en representación de Ancora Editora.
A presentación deste libro inseriuse este ano na programación especial organizada polo Concello de Bueu con motivo da conmemoración do 25 N, Día Internacional da Non Violencia Contra as Mulleres. Nel, a autora conta as vivencias dunha muller que coñece ao que semella “o amor da súa vida”, e que remata por ser a persoa á que máis odia. A xénese e radiografía da violencia de xénero e das emocións que embargan as vidas de milleiros de mulleres é o tema desta obra que se define como unha pasaxe polas emocións. Ademais, e segundo destacou María José Rodríguez na presentación, “esta novela está ambientada en Bueu, esta terra e este mar que inspiraron as miñas verbas”. Non é gratuíto que aparezan entón moitas referencias explícitas a lugares desta vila na que reside dende xa fai varios anos a autora.
Con emoción, Félix Juncal aproveitou para destacar a importancia destes actos para axudar á eliminación da que é “a maior lacra social do noso tempo”. O alcalde de Bueu volveu insistir na importancia de puxar polo cambio desde abaixo, desde as novas xeracións. Pola súa banda, a concelleira de igualdade, deu lectura ao prólogo da novela, elaborado pola directora do CIM de Bueu, Montserrat González, quen non puido estar no evento por motivos de saúde. Este prólogo fala, entre outras cuestións, do moito que aínda queda por traballar na igualdade entre sexos e na sensibilidade. Nel escríbese que “por iso é tan difícil de tomar a decisión de desfacer o núcleo familiar e, cando a calamidade entra pola porta, as mulleres se senten, de súpeto, as protagonistas involuntarias dunha traxedia para a que non están preparadas”.
Vídeo resumo da presentación: https://www.youtube.com/watch?v=pN9Hy9eThew

Deja un comentario