+034 986 09 02 04 Luns 06 de Xullo de 2020

O primeiro curso de adestradores de fútbol-base permite reforzar a oferta de monitores para a bisbarra de Ponte Caldelas


archivo-28-11-16-15-53-47

O alcalde asistiu aos actos de clausura da actividade

A contorna de Ponte Caldelas conta con 35 novos adestradores de fútbol-base. Estes días rematou o curso organizado pola Sociedade Cultural e Deportiva Ponte Caldelas coa colaboración directa da Federación Galega de Fútbol e o Concello de Ponte Caldelas. As tres entidades puxeron en marcha, por primeira vez na historia do municipio, un curso de formación para a obtención do título de monitor para as categorías inferiores.
O alcalde, Andrés Díaz Sobral; o coordinador da SCD, Mario Peso, e o director da Escola de Adestradores da Federación, Manuel Mosquera, asistiron aos actos de clausura dunha actividade que foi todo un éxito e que se desenvolveu durante os últimos meses entre o Centro Cultural de Ponte Caldelas para a parte teórica e o campo de fútbol de Chan da Barcia para a prácica.
O curso contou cunha carga lectiva de 65 horas. Os participantes dispoñen agora do título avalado pola Escola Nacional de Adestradores da Federación Española de Fútbol que permite adestrar nas categorías base ata a idade cadete. A carga lectiva incluiu conceptos sobre técnica, táctica, adestramento deportivo, regras de xogo, medicina do deporte, psicoloxía aplicada, metodoloxía aplicada, dirección de equipos e regulamentación deportiva.
Mario Peso explicou que era un curso moi demandado e que vai supoñer unha gran oportunidade para todas aquelas persoas que tiñan vocación de introducirse no ámbito do adestramento futbolístico.

Deja un comentario