+034 986 09 02 04 Mércores 05 de Agosto de 2020

O concello avanza que coa proposta de humanización da rúa a Pedra se duplicarán as prazas de aparcadoiro


O obxectivo deste proxecto é a ordenación do espazo na rúa, cunha clara preeminencia dos peóns nun espazo no que conflúen gran parte dos servizos da vila
O Concello avanzou o pasado venres o proxecto da rúa A Pedra, no que está contemplado que se poña orde nunha das zonas onde converxen moitos edificios públicos, como é o caso do Centro de Saúde, o IES Illa de Ons, o IES Johán Carballeira, o CEIP A Pedra e o Pavillón Municipal Pablo Herbello. Desde o goberno municipal valoran as opinións positivas que se trasladaron por parte da cidadanía, pero tamén son conscientes da dúbida que se xerou no tocante ao tema dos aparcadoiros.
Neste sentido, o Concello anuncia que esta actuación non comprenderá exclusivamente a humanización da rúa, senón que están programadas na proposta outras melloras, como é o caso do incremento das prazas de aparcadoiro existentes. “Duplicaranse os espazos para estacionamento de vehículos en lugares alternativos á rúa, pero nas inmediacións das instalacións”, salientou o alcalde de Bueu, Félix Juncal.
A premisa fundamental que se vai ter en conta neste proxecto, valorado en algo máis de 387.000 euros, é a seguridade, motivo polo cal se vai reordenar esta rúa, ademais de mellorar a accesibilidade e os servizos na mesma. Tal é o caso da obra de separación de pluviais e fluviais de augas residuais, para así seguir mellorando os traballos de saneamento que está levando a cabo o Concello de forma intensiva nestes últimos anos. O proxecto estará pensado segundo o lugar e os usos que se lle vén dando, tendo en conta ao conxunto da cidadanía, e sobre todo aos pequenos/as e maiores que a diario circulan por este espazo urbano.
As previsións do Concello é buscar financiamento coa idea primeira de ser quen de executar esta obra de cara ao vindeiro ano.

Deja un comentario