+034 986 09 02 04 Venres 28 de Febreiro de 2020

O PP de Ponteareas levará a pleno unha moción para instar á Deputación Provincial a que dunha vez manteña e mellore as estradas provinciais que descorren polo termo municipal


No 2015 a Deputación e o Concello comprometéronse a elaborar un informe sobre as necesidades da rede viaria da Deputación no termo municipal de Ponteareas, a día de hoxe todo segue igual, ou non detectaron incidencias nin carencias ou ben non fixeron nada ao respecto

 

O Grupo Municipal do Partido Popular de Ponteareas levará a pleno unha moción para que este acorde instar á Deputación Provincial a que manteña, dunha vez por todas, as estradas provinciais que pasan polo termo municipal de Ponteareas, investindo na mellora das mesmas en desbroces, sinalización, asfaltados, alumeados e construción de beirarrúas.

Hai que recordar que o goberno local, xunto co deputado provincial de Infraestruturas, D. Uxío Benítez (BNG), o 4 de setembro de 2015, saíron na prensa anunciando que o Concello de Ponteareas “elaborará en los próximos meses un informe de los puntos negros existentes en los tramos de las cuatro carrreteras provinciales que pasan por el municipio” (EP-2703 a Pazos de Borbén, a EP-4006 a As Neves, a EP-4001 a Guillade e a EP4005, de Areas a Alxén) sobre os que a Deputación provincial actuaría por orde de prioridade”.

Ademais, naquela comparecencia ante os medios de comunicación, o propio deputado provincial do BNG engadiu que “nosotros creemos que las carreteras no solo son de los coches, sino que también queremos fomentar el tránsito peatonal y de bicicletas”.

Dende o PP queremos recordar que xa no ano 2011, o Sr. Delfín Domínguez, en nome do PSOE de Ponteareas, reclamaba ao ente provincial a mellora da estrada EP-2703 Ponteareas – Pazos dada necesidade de construción de beirarrúas e mellora do asfaltado, así como tamén dotar á zona da Lomba duns accesos rodados axeitados, ao que engadía que o que necesitaba esta estrada era o cambio de trazado.

Tamén, o BNG daquela sumábase coa presentación doutra moción na que solicitaban do ente provincial a realización de melloras nas estradas de competencia provincial “polos problemas de seguridade viaria que sofren os veciños das parroquias polas que transcorren, nas que incluso houbo graves accidentes”.

Ademais, en xaneiro do 2012, o Sr. Represas volvía á carga para instar á Deputación provincial “a mellora da seguridade viaria nas estradas provinciais” onde mantiña que “esta situación é aínda máis grave nas zonas con vivendas preto destas estradas provinciais por ser zonas habitadas que non contan con beirarrúas, nin pasos de peóns e escasamente iluminadas”.

Pero a realidade, segundo o PP, é que a día de hoxe, as estradas provinciais que pasan polo noso termo municipal presentan un penoso estado, peor que nunca, e onde algunhas delas nin sequera foron desbrozadas dende a toma de posesión do novo goberno da deputación, así como tampouco se limparon noiros nin desaugadoiros, nin se asfaltou ningún tramo novo como se viña facendo nos últimos anos, e nin sequera se fixo o bacheado de mantemento correspondente, como tampouco se mellorou a sinalización horizontal nin vertical; e menos aínda, non se executou nin un so metro de beirarrúas en ningunha das estradas que descorren polo noso termino municipal.

Por esta razón o PP proporá no pleno municipal a adopción dos seguintes acordos: en primeiro lugar instar á Deputación Provincial de Pontevedra a que manteña en perfecto estado de uso as estradas provinciais que pasan polo termo municipal de Ponteareas, co fin de evitar accidentes e incidencias das que nos poidamos arrepentir e, en segundo lugar, solicitar a comparecencia do Sr.. Alcalde para que conteste ás seguintes cuestións:

a)Elaborou o Concello o informe comprometido segundo se anunciou en nota de prensa o pasado 4 de setembro de 2015, coa presenza do deputado provincial de infraestruturas?

b)En caso afirmativo, cales son as principais conclusións do devandito informe? E en que data foi enviado a Deputación Provincial?

C)Cal foi, se é que existe, a resposta da Deputación ó envío do devandito informe municipal?

d)Por que despois de máis dun ano, non se fixo nada de nada ? Quen do goberno asume as responsabilidades?

e)Que é o que pensan facer neste tema que tanto lles preocupaba ao BNG e PSOE daquela na oposición? e por que non se lle esixe dunha vez á Deputación Provincial a que asuma as súas competencias en materia de mantemento e conservación de estradas da súa titularidade?

f)Cando ten previsto este goberno en coordinación coa Deputación Provincial urbanizar determinados tramos das estradas provinciais ao seu paso polo termo municipal de Ponteareas? cando estaban na oposición o esixían reiteradamente por razóns imperiosas de seguridade.

Deja un comentario