+034 986 09 02 04 Sábado 20 de Xaneiro de 2018

Nava Castro destaca a importancia das neveiras de Fixó como reclamo turístico


Resalta a necesidade desta intervención para o impulso e promoción do turismo nesta comarca

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a alcaldesa do concello de Forcarei, Belén Cachafeiro, visitaron hoxe as neveiras de Fixó no marco do convenio de colaboración asinado entre as dúas administracións para o seu acondicionamento e posta en valor.

Durante a visita, Nava Castro sinalou que Galicia conta cun rico patrimonio construído así como importantes tradicións, elementos etnográficos e da vida social e tradicional polos que debemos apostar para non perder esta cultura propia que nos identifica como pobo.

A responsable de Turismo de Galicia destacou que estas neveiras situadas no cumio do chairo dos Altos de Rofete constitúen un dos elementos etnográficos vinculado ao Mosteiro de Aciveiro máis importantes deste municipio. Así mesmo, sinalou que representan un legado de importante valor histórico polo que son merecedoras dun óptimo estado de conservación. Neste senso, considerou de vital importancia o seu acondicionamento e posta en valor para o impulso e promoción do turismo neste concello de Forcarei.

Entre as actuacións que se están a levar a cabo, a directora de Turismo de Galicia referiuse a unha primeira fase na que se realizou unha escavación arqueolóxica para o coñecemento das técnicas e materiais empregados na súa construción e o establecemento dunha hipótese sobre a súa morfoloxía, tipoloxía e cronoloxía.

Por outra parte, nunha segunda fase, segundo explicou Nava Castro, realizaranse traballos de consolidación na superficie, primando a estrutura existente e sen intervencións directas sobre os elementos construtivos orixinais, de xeito que se cubran unicamente as necesidades de protección, tanto para as propias neveiras como para os visitantes.

A responsable de Turismo de Galicia sinalou que estas intervencións resultan esenciais dado o estado de deterioro no que se atopaban derivado da súa evolución funcional. Neste senso, destacou que a través destas actuacións dotarase esta zona dun novo recurso turístico e garantirase a adecuada protección e conservación das neveiras así como a súa posta en valor e a divulgación do seu coñecemento. “Unha mellora do noso patrimonio que contribuirá a continuar na senda de crecemento que ven experimentando Forcarei e a súa comarca nos últimos tempos”, concluíu.

Deja un comentario