+034 986 09 02 04 Martes 17 de Xullo de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Uxío Benítez anuncia que a Deputación reurbanizará de xeito integral a estrada provincial EP-1104 entre Moaña e Coiro


O deputado provincial de Mobilidade reuniuse hoxe coa alcaldesa e confirmou que os técnicos provinciais están xa a traballar no proxecto de mellora

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou hoxe que a Deputación reurbanizará a estrada provincial EP-1104 entre Moaña e Coiro para pór en marcha espazos de prioridade peonil e mecanismos de calmado de tráfico que permitan crear un continuo de seguranza viaria camiñable e inclusivo. Segundo asegurou hoxe o nacionalista, os técnicos provinciais están xa a traballar no proxecto coa intención de que as obras se fagan con cargo aos orzamentos do vindeiro exercicio e se inicien tamén en 2017. Así mesmo, Benítez explicou que en breve a Deputación proporá ao concello de Moaña unha proposta de colaboración para o financiamento da obra, que se concretará nun convenio.

O responsable de infraestruturas viarias da Deputación destacou que o interese por mellorar a estrada foi manifestado pola alcaldesa na rolda de contactos que mantivo cos alcaldes de toda a provincia antes do verán. “Determinamos de forma conxunta que era unha das actuacións necesarias a acometer con certa urxencia. Será unha actuación integral e sustentable na que procuraremos que se defenda a seguranza das persoas”, dixo, para engadir que a solución que se plantexará apostará por medidas de calmado de tráfico e por novos itinerarios para os fluxos peonís cotiás, seguindo o eixo estratéxico de poñer aos veciños e veciñas –e non aos coches- como elemento prioritario no deseño da actuación.

Segundo afirmou o deputado, a estrada é unha zona de paso nun núcleo cunha alta concentración de poboación que reúne as condicións para facer unha actuación “singular, diferente e orixinal na que experimentar unha nova política de facer as infraestruturas”. “Queremos transformar esta estrada, que é unha travesía rururbana, nun espazo público de disfrute para veciños e veciñas. A Deputación non só ten que facer estradas para os coches. Cando pasa por zonas urbanas ten que darse conta de que hai que transformar as estradas por espazos de preferencia peonil”, subliñou.

Dunha estrada rural a un espazo periurbano
A estrada provincial EP-1104 foi aberta pola Deputación a mediados do século XX e serviu para unir un conxunto de núcleos naquel tempo rurais: Ameixoada, O Casal, San Martiño e Abelendo. Dende a súa construción foi un elemento vertebrador do territorio e a poboación asentouse nas súas marxes, creando un espazo periurbano baixo a influencia directa de Vigo e unha realidade máis urbana.

Nos últimos tempos realizáronse algunhas intervencións para dotar de maior seguranza viaria á estrada: No ano 2010 no treito entre Porta do Cego e o colexio de Abelendo, e máis recentemente, en 2015, no treito que une o Lavadoiro de Figueirido e o núcleo de Ameixoada. Foron dúas intervencións moi diferentes polas que se fixeron beirarrúas, deixando fóra das melloras xusto o treito de estrada de maior densidade de poboación e complexidade de actuación, cuestión que foi criticada polo deputado Uxío Benítez.

No ámbito da intervención plantexada hoxe por Benítez a estrada ten unha sección moi variable entre os 5,25 e os 11 metros de largo, dos cales a franxa rodada adoita ocupar 5,75 metros, chegando a darse situacións en que ocupa todo o espazo entre as edificacións existentes, polo que os espazos para os peóns desaparecen por completo. Ademais, a rúa funciona de zona de paso intermedio cara a vía rápida do Morrazo, formando parte de diferentes atallos, ademais de conectar diferentes equipamentos como poden ser o lavadoiro de Figueirido, o centro socio cultural de Abelendo, ou o campo de fútbol de O Casal. Isto explica as enormes variacións de tráfico ao longo de todo o vial, contándose ata 13 interseccións.

Priorizar necesidades
A alcaldesa de Moaña aproveitou a presenza do deputado de Mobilidade para expoñer a necesidade de solucións a varias problemáticas das estradas provinciais do municipio. Explicou que o proxecto para a EP-1104 “é unha das posibilidades para unha das estradas que se intentou priorizar dadas as necesidades evidentes por carga de tráfico”, pero subliñou que hai outras peticións.

Neste sentido, Santos manifestou que “dende o Concello traballaremos conxuntamente coa Deputación para poder dar solución tamén a outras estradas provinciais do noso concello, tanto na estrada de Verducedo, como na de Couso-Meira -que hai que facer outro tipo de intervencións porque está xa urbanizada-, como sobre a estrada San Benito-Liñares en Domaio”.
Ante todas estas peticións, o deputado Uxío Benítez salientou que “os bos gobernantes municipais son os que defenden os intereses dos seu veciños” mais destacou que a Deputación está a estudiar as catro estradas de Moaña, se ben “temos 1.700 quilómetros de estradas na provincia e os fondos son limitados. Iremos actuando. As catro estradas de Moaña teñen casuísticas diferentes ás que teremos que darlle unha solución, e nese traballo estamos”, finalizou.

 

Deja un comentario