+034 986 09 02 04 Domingo 20 de Setembro de 2020

O Concello roza a cesión do 90% das parcelas afectadas pola construción do saneamento de Tenorio


Cubela seguirá negociando este mes cos propietarios das dez fincas restantes en base ao principio de colaboración veciñal con esta obra

O Concello de Cerdedo-Cotobade xa roza a cesión do 90% dos terreos afectados pola construción do saneamento de Tenorio e xa está preto deste obxectivo, que é un requisito indispensable para que a Consellería de Medio Ambiente acometa esta infraestrutura de sumidoiros por un importe de 1,8 millóns de euros e beneficie con este servizo a preto de 1.200 veciños desta parroquia e a súa contorna.

Tras a masiva xuntanza cos afectados celebrada o pasado venres, o presidente de Cerdedo- Cotobade, Jorge Cubela, acadou o compromiso de cesión dos propietarios de 64 das 80 parcelas afectadas pola obra. Os restantes solicitaron estudar a documentación con máis calma ao longo das seguintes semanas no consistorio, pero os donos de seis fincas máis tamén aceptaron nestes últimos días a cesión pola vía de colaboración veciñal en aras do interese xeral solicitada polo rexedor local. Deste xeito, o Concello, a falta de que os documentos se asinen oficialmente, xa conta con 70 das fincas afectadas, o que supón o 87,5% do total.

Cubela explicou hoxe que nas vindeiras semanas vai seguir negociando cos propietarios que aínda non se decidiron para que permitan a obra nos seus terreos, xa que lembrou que se trata do proxecto máis ambicioso e millonario desta lexislatura municipal e beneficiará ao 20% da poboación de todo o municipio. De feito, os donos só teñen que permitir o paso das canalizacións desta rede de sumidoiros pola cabeceira das súas fincas, xa que o proxecto concebíuse para non abrir fendas pola metade das mesmas.

“Esta obra ten un claro interese xeral para toda a parroquia, para a mellora da súa calidade de vida e para a situación medioambiental do río Lérez”, explicou Cubela, que se amosou convencido de que todos os veciños colaborarán, “xa que soen ser moi responsables cando se trata de ceder terreos para obras que crean ou melloran os servizos públicos”.

Finalmente, revelou que, de cumprirse o seu cronograma e acadar os terreos neste mes, procederá a súa posta a disposición a prol da consellería en xaneiro para que a comezos de 2017 se abra o proceso de licitación desta rede de depuración e sumidoiros.

Deja un comentario