+034 986 09 02 04 Mércores 27 de Maio de 2020

Ponte Caldelas estrea unha iluminación de Nadal novidosa que inclúe, por vez primeira, unha árbore decorativa


archivo-3-12-16-11-14-28

A Vila conta cun total de 45 arcos colocados en todas as súas rúas

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz Sobral, premeu o botón de acendido da iluminación de Nadal nun acto celebrado na praza do Bispo. Acompañado do tenente de alcalde Lito Muíños conectou unha decoración luminosa que destaca este ano pola súa calidade e pola colocación, por primeira vez, dunha árbore de luz branca.
O equipo de goberno, formado polo PSdeG-PSOE, AVP e BNG, optou por mellorar as prestacións da iluminación de Nadal e para elo cambiouse a empresa que viña realizándoa durante os últimos anos. O resultado son 45 arcos con deseños atractivos e todos eles con combinacións de cores, ademais de varias banderolas apegadas aos farois nas rúas onde polo ancho ou por imposibilidades técnicas foi imposible colocar arcos.
O elemento máis significativo foi a gran árbore branca, deseñada con polas e nunha forma máis tradicional en lugar dos habituais conos. A árbore, situada a carón da fonte da praza do Bispo, érguese case 10 metros. A estrutura despertou inmediatamente moita expectación e xa foron moitos os caldeláns que fixeron unha foto de recordo xunto a este elemento na primeira noite.
A iluminación ocupa todas as rúas da Vila e está enteiramente configurada con bombillas de tipo led, polo que o consumo eléctrico é moi reducido. Ademais, este ano coincide coa renovación completa de toda a rede de iluminación pública, onde foron erradicadas as lámpadas de vapor de sodio por modernas luminarias con esta tecnoloxía.
O Goberno local está moi satisfeito co resultado, pois a iluminación colabora a crear ambiente de Nadal, algo que xa estaba garantido tamén pola estrea do concurso gastronómico Caldelas Tapas Quentes, que este venres botou a andar. O festival de tapas, que onte xa contou cunha gran participación nos 12 locais de hostalería do municipio que se sumaron á iniciativa, continuará durante todas as noites de venres ao longo deste mes de decembro.

Deja un comentario