+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017

A Consellería do Mar investiu preto de 10 millóns de euros na mellora dos portos autonómicos da comarca do Salnés entre 2009 e 2016


Destacan as inversións en planificacións e investimentos estratéxicos e a mellora de servizos para os profesionais e a náutica recreativa nos municipios de Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Sanxenxo, Vilagarcía e Vilanova de Arousa 

A Consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, realizou actuacións por valor de preto de 10 millóns de euros no período 2009-2016 orientadas á mellora das condicións de traballo e operatividade dos usuarios dos portos de titularidade autonómica da comarca do Salnés.

Estas actuacións foron realizadas nos portos de Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Sanxenxo, Vilagarcía e Vilanova de Arousa atendendo ás liñas estratéxicas de crecemento, sustentabilidade, eficiencia e das Tecnoloxías da Información e da Comunicación e a pesar das condicións orzamentarias que esixía o contexto económico do momento e de atender as obras que xurdiron con motivo dos temporais. Desenvolvéronse cunha planificación coa vista posta, entre outros aspectos, en acadar novos tráficos e reforzar os existentes no eido das mercadorías. Tamén en conseguir novos tránsitos e atraques para a náutica deportiva e a captación de máis descargas doutras comunidades autónomas e países no eido da pesca e do marisqueo.

Nunha análise por municipios, os portos de Cambados recibiron investimentos en infraestruturas portuarias por valor de 1,8 millóns de euros e 269.300 euros máis para actuacións menores, o acondicionamento do peirao de Tragove por importe de preto de 279.000 euros. No Grove investíronse máis de 547.100 euros nas grandes infraestruturas e 117.000 máis en obras menores e a actuación de maior importe foi o acondicionamento do porto de Meloxo, con 170.000 euros.

Polo que respecta ao municipio da Illa de Arousa, investíronse máis de 976.300 euros en obras maiores, destacando as obras do dique de abrigo aboiante –de preto de 971.000 euros- e preto de 99.000 euros máis en actuacións menores. En Sanxenxo achegáronse para obra maior máis de 928.300 euros, dos que preto de 700.000 investíronse na ampliación e reforma edificio de servizos náuticos deportivos de Portonovo e a maiores investíronse máis de 146.600 en actuacións menores. En canto a Vilagarcía de Arousa, o investimento en grandes infraestruturas foi superior aos 384.600 euros, entre os que destaca a partida de 215.000 euros para a mellora da seguridade peonil, e en obras menores investíronse máis de 81.800 euros a maiores.

Finalmente, en Vilanova de Arousa realizáronse neste período investimentos en grandes infraestruturas portuarias por valor de 4,2 millóns de euros, entre os que destaca a ampliación e reforma da lonxa, con 700.000 euros de orzamento, e máis de 252.700 euros a maiores en obras menores.

Máis tráficos, tránsitos e valor
Estas accións favoreceron a recuperación e estabilidade dos tráficos dos portos autonómicos, os tránsitos no eido da náutica deportiva e a facturación das vendas da pesca e do marisqueo. De feito, nos 9 primeiros meses de 2016 o tráfico portuario de mercadorías nos peiraos de titularidade autonómica rexistrou un incremento interanual de máis dun 7% e no eido da náutica deportiva rexistrouse un incremento interanual das embarcacións en tránsito de máis dun 9% durante o primeiro semestre de 2016, en relación ao mesmo período do ano anterior. En canto á pesca e ao marisqueo, a mellora nas instalacións de atraque e nas lonxas favoreceu un incremento de facturación no 2016, o mellor ano dos últimos 20.

Deja un comentario