+034 986 09 02 04 Sábado 23 de Xuño de 2018

Andrés Díaz non se sinte decepcionado cos Orzamentos da Xunta “porque nos dan xusto o que agardabamos: nada”


A Ponte Caldelas se lle esixen uns terreos valorados nuns 50.000 euros para as obras dunha estrada autonómica, mentres a Xunta leva comprometidos uns 500.000 euros en pistas ou camiños municipais de Cotobade e A Lama
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz Sobral, cualifica o proxecto de Orzamentos da Xunta de Galicia para 2017 como “o agardado”. As grandes cifras do Goberno galego para o exercizo que comeza non introducen ningunha novidade e afondan na liña de discriminación que ven padecendo o municipio caldelán dende que cambiou o signo político do seu goberno, desbancando a hexemonía histórica do PP e dando paso a unha coalición formada por PSdeG-PSOE, AVP e BNG.
“Imos camiño de dous anos na Alcaldía e hai un apagón inversor da Xunta de Galicia que se manifesta nunha discriminación escandalosa en comparanza cos concellos da contorna, gobernados polo PP”, explica Andrés Díaz, quen recalca que a Xunta investiu neste tempo algo máis de 80.000 euros en Ponte Caldelas mentres “meteu” máis de 3,2 millóns de euros en Cotobade (máis que o propio orzamento municipal) e case 800.000 euros en A Lama.
O alcalde de Ponte Caldelas afirma que non pode sentirse decepcionado polos Orzamentos da Xunta “porque a palabra decepción significa que había unha expectativa que quedou defraudada”. Aínda así considera insólito que a Xunta prevea algo máis de 600.000 euros para a estrada autonómica PO-234, sen concretar que tramo vai realizar, e deixando a elección a unha suposta cesión dos terreos por parte dos concellos de Ponte Caldelas ou de Cerdedo-Cotobade. “É unha especie de concurso de recollida de sinaturas que nos obrigan a facer”, explica, “e os concellos non estamos para competir en chafalladas de papeliños que non valen para nada cando a única cesión de terreos que vale é a que os propietarios realizarán á Xunta de Galicia, como titular da estrada”, insiste Díaz.
O alcalde de Ponte Caldelas subliña que o Concello vai facer todo o posible para que a Xunta “entre en razón” e comece a obra polo lado caldelán, onde se sitúan as perigosas curvas de Laxoso. Sen embargo, considera paradoxal que se obrigue ao Concello de Ponte Caldelas a recoller sinaturas de propietarios duns terreos que, segundo a relación de bens e dereitos afectados do proxecto poden costar uns 50.000 euros, cando a propia Xunta de Galicia gastou ou comprometeu no último ano case 500.000 euros en pistas e camiños municipais de Cotobade e A Lama.
Por outra banda, o rexidor caldelán destaca que estes Orzamentos da Xunta de Galicia non resolven nin a apertura da Casa da Quintán como Centro de Día de Maiores, nin a atención a área arqueolóxica de Tourón, nin as obras pendentes no colexio da Reigosa, nin as obras de saneamento pendentes. “Aínda así, en Ponte Caldelas sabemos moi ben que os Orzamentos son unha cousa e logo están os convenios interadministrativos que as consellerías asinan a dedo cos concellos da nosa contorna, exlcuíndonos sistematicamente, así que tampouco imos facer unha crítica máis aló do necesario”, remata o alcalde.

Deja un comentario