+034 986 09 02 04 Luns 22 de Xaneiro de 2018

O PP denuncia que o bipartito de Cuntis perde unha subvención de 20.000 euros para contratar persoas en risco de exclusión social


Antonio Pena critica “a falta de xestión da concelleira, que non só perde unha axuda importante para favorecer a inclusión e paliar situacións de necesidade, senón que leva meses mentindo sobre a tramitación da axuda”

O Partido Popular de Cuntis denuncia que o Goberno bipartito perdeu unha subvención da Xunta de Galicia para contratar persoas en risco de exclusión social e perceptores da Risga, por valor de 20.266,26 euros. O voceiro local dos populares, Antonio Pena, critica a “total deixadez e falta de xestión” da concelleira de Asuntos Sociais, que “non só perde unha axuda fundamental e moi importante para favorecer a inclusión social dos beneficiarios e paliar situacións de necesidade, senón que ademais leva meses mentindo ao PP e aos veciños sobre a tramitación desta axuda”.

Antonio Pena explica que os populares comezaron a interesarse por esta axuda a principios de xullo, pero que nese momento o alcalde respondeu que non podían entregarlles a información que solicitaban porque a traballadora social estaba de vacacións.

No pleno de setembro, o PP reclamou ese informe da traballadora social, e recibiron un documento asinado pola concelleira de Servizos Sociais, sen rexistro de entrada nin de saída do concello, no que explica a proposta para contratar dúas persoas perceptoras da Risga e no que sinala que apuntan non recibiron ningunha resposta da Xunta. “Pero a realidade é que a concelleira socialista seguía mentindo e intentando enganar, ocultando que perdera unha subvención para contratar persoas en risco de exclusión social porque enviou toda a documentación fóra de prazo”, denuncia o voceiro popular. O prazo para presentar a documentación rematou o 23 de xuño, e o bipartito presentou a súa proposta quince días despois, o 6 de xullo.

“Reclamámoslle humildade e seriedade, que recoñeza o seu erro, e sobre todo que pida desculpas e ofreza unha explicación, porque coa súa lamentable xestión Cuntis deixou de recibir 20.000 euros para contratar dúas persoas, pero tamén porque leva meses mentindo”.

Deja un comentario