+034 986 09 02 04 Xoves 26 de Abril de 2018

Residuos plásticos: unha microcatástrofe ambiental


Nova quedada de Colectivo ao Xeito: este sábado día 10 xuntámonos para limpar a praia do Cabodeiro. Quedamos ás catro da tarde. O Concello da Illa de Arousa e o Grupo de Acción Local Pesqueira de Arousa xa se apuntaron.
Que imos facer? Recoller os refugallos que atopemos pola praia mentres aproveitamos o bo día que se presenta. As persoas participantes só teñen que preocuparse por vir, nós levamos as luvas e as bolsas nas que gardar todo o lixo.
Por que facemos isto? Dende Colectivo ao Xeito levamos case dous anos organizando quedadas para limpar as praias da ría. Ata agora limpamos areais coma os de Aguiño, Terrón (Vilanova de Arousa), Cambados, Praia Compostela (Vilagarcía) ou O Carreirón entre outros. Queremos crear conciencia sobre os problemas que xeran os vertidos e a contaminación do mar. Os refugallos cos que máis nos atopamos son aqueles derivados da actividade pesqueira, así como aqueles propios do verán, como son os refugallos de merendas.
Por que se apunta o GALP? Porque as accións que levan a cabo buscan propiciar o desenvolvemento da zona na que está asentado e favorecer a creación de dinámicas que permitan a posta en valor do territorio entre os seus habitantes e a potenciación dos recursos naturais. Por este motivo realiza propostas enmarcadas no proxecto Actividades medioambientais en Arousa Sur: un futuro sostible para a ría.
Por que se apunta o Concello da Illa? O concello da Illa de Arousa participa na convocatoria, dentro da súa preocupación polos recursos e valores naturais das praias da Illa. Son necesarias concienciacion e voluntariado ambiental para a conservación do Medio Ambiente. Por ese motivo agradecese e apóiase a iniciativa do Colectivo ao Xeito.
Por que imos desta volta á Illa? A Ría de Arousa carcterízase pola diversidade de paisaxes e hábitats que alberga: praias de area fina, lagunas costeiras, desembocadura dos ríos Ulla e Umia, marismas, dunas… Estes ecosistemas están atravesando un momento crucial debido ao deterioro que están sufrindo nos últimos tempos, sobre todo pola acción das persoas. A comunidade demostrou o que é capaz de facer en grandes catástrofes ambientais coma a do Prestige, por iso dende Colectivo Ao Xeito, o GALP e o Concello da Illa de Arousa queremos potenciar esta capacidade contra estas microcatástrofes que supoñen os residuos plásticos no mar.

Deja un comentario