+034 986 09 02 04 Luns 20 de Novembro de 2017
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

‘Os vellos non deben de namorarse” remata a xira do Ano Castelao en Redondela


A representación, a cargo da compañía Teatro do Morcego, poderá verse no Auditorio da Xunqueira mañá ás 20 horas
A de Redondela será a última función dunha xira por 10 concellos da provincia, coa que se conmemora o 75 aniversario da estrea da única obra dramática de Castelao
‘Os vellos non deben de namorarse’ de Teatro do Morcego chega mañá a Redondela no marco da xira teatral do Ano Castelao da Deputación de Pontevedra. Esta obra de gran formato que subirá ao escenario a 10 actores e actrices, representarase este sábado día 10, ás 20 horas no Auditorio da Xunqueira.
Coincidindo co 75 aniversario da súa estrea orixinal en Bos Aires, esta obra escrita por Alfonso Daniel R. Castelao, percorrereu 10 concellos da provincia, sendo a de Redondela a última función tras pasar nos últimos dous meses por Pontevedra, Cambados, Tomiño, A Illa de Arousa, Cangas, Sanxenxo, A Estrada e Vigo. ‘Os vellos non deben de namorarse’, recuperada por Teatro do Morcego, porá sobre o escenario a 10 actores e actrices para representar os tres lances nos que se desenvolve a tese de que o vello que namora a destempo vese condenado polo pobo, e abocado a enfrontarse ás convencións. Trátase, ademais, dunha obra na que Castelao adapta á tradición galega elementos anovadores de comezos do século pasado tras coñecer, na súa visita a París de 1921, o teatro de Nikita Balieff. Daquela experiencia, o autor rianxeiro introduciu na súa propia obra elementos simbólicos como os retratos dos pais do personaxe de Don Ramón que lle falan desde as paredes simbolizando a conciencia; o uso das máscaras e do folclore musical a través dos coros populares.
‘Os vellos non deben de namorarse’ é ademais unha obra amplamente coñecida e que forma parte do considerado “teatro clásico galego”, pero que aínda permanece vixente e conta cunha gran aceptación por parte do público. A demanda para poder ver este texto representado por unha compañía profesional como Teatro do Morcego, e cun elenco de actores e actrices consagradas no ámbito escénico galego, fixo que esta obra fose incluída de xeito preferente na programación teatral do Ano Castelao da Deputación. Debido ao seu grande formato, o que require de instalacións axeitadas para acoller a súa representación, só se programou en 10 concellos concretos da provincia.
Esta é unha das cinco propostas que o ente provincial incluíu na súa programación teatral con motivo do Ano Castelao e co obxectivo de que os concellos poidan complementar a súas ofertas culturais e posibilitar que o teatro chegue a toda a poboación da provincia. Esta programación inclúe cinco obras, a mencionada ‘Os vellos non deben de namorarse’ de Teatro do Morcego, ‘Retrincos de Castelao’ de Culturactiva, ‘Que comera o rei?’ de Cándido Pazó, ‘Pegadas de Castelao’ de Migallas Teatro, e ‘A lingua na boca’ de Limiar Teatro. Cinco propostas que sumarán 90 representacións ata finais de ano, das cales 62 xa tiveron lugar nos meses de xullo e agosto coa obra ‘A lingua na boca’, que percorreu xa todos os concellos pontevedreses.

Deja un comentario