+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017

O Concello de Ponte Caldelas pon en marcha as obras de reparación da “chapuza do muro de Taboadelo”


Andrés Díaz subliña que a reparación do desastre que deixou o PP no ensanche deste camiño vai ter un custo aproximado duns 10.000 euros

A “chapuza do muro de Taboadelo” ten os días contados. O Goberno local de Ponte Caldelas, que está formado pola coalición entre o PSdeG-PSOE, AVP e BNG, cumpriu co compromiso acadado cos veciños desta parroquia e puxo en marcha estes días as obras de reparación dun dos elementos máis significativos da “herdanza” que deixou o anterior goberno municipal do PP.
A obra consiste na consolidación do muro de contención e a retirada total do recheo de terra mal compactada que se fixo a toda présa durante a campaña das Eleccións municipais de 2015 por parte do anterior equipo de goberno “popular”. As deficiencias da apresurada execución provocaron o afundimento do firme coa chegada do inverno e obrigaron a un precintado parcial da vía.
O alcalde, Andrés Díaz acompañado polo concelleiro Manuel Bareiro despois de visitar a obra , subliña que os traballos vanse executar agora cunhas mínimas condicións de calidade. Para elo utilizaranse materiais adecuados para o recheo e unha correcta compactación. Ademais, atendendo ás peticións dos veciños, o ensanche da pista central do lugar prolongarase outros dez metros máis ata o seu remate co entronque coa estrada provincial que comunica coa Reigosa e Xustáns. As obras foron contratadas polo Concello no marco da execución de varios muros e teñen un orzamento que ronda os 10.000 euros. Estarán rematadas nas próximas semanas.
Díaz subliña que en Taboadelo non se fixo unha chapuza “senón a chapuza das chapuzas”, “unha auténtica irresponsabilidade que xerou un risco real de accidentes e todo por culpa das prisas do PP por inaugurar en campaña electoral, algo moi propio deles”. Agora confía en que todo quede solucionado definitivamente, non só pola reparación da chapuza, senón pola prolongación do ensanche e a mellora definitiva da seguridade viaria neste acceso.
O alcalde recalca que xa están afeitos a reparar as chapuzas herdadas, porque tamén atoparon moitas nas obras de recollida de augas pluviais. O Concello viuse forzado a ampliar a sección de case unha ducia de tubos que desbordaban os días de choiva e provocaban inundacións en baixos de vivendas en varios lugares do municipio. Un desleixo que tamén se manifesta no estado de abandono en moitos camiños municipais e, moi especialmente, na rede de parques infantís do municipio, obrigando a realizar importantes investimentos para a súa reparación ou mesmo substitución integral.
Non obstante, a herdanza, insiste Díaz, non só é de chapuzas e abandonos, senón tamén dun endebedamento municipal que chegaba ao millón de euros cando nós chegamos e que deixaremos, ao remate deste ano, nunha cifra bastante próxima aos 700.000 euros, todo elo produto dunha xestión económica na que rematou o despilfarro e o gasto sen control.

Deja un comentario