+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Setembro de 2019

Educación continúa a previr a violencia dende as aulas


A concellería mosense imparte a alumnos de 5º e 6º de Primaria un obradoiro de habilidades sociais que lles faciliten a convivencia dentro e fóra das aulas

Tras o desenvolvemento o mes pasado de charlas preventivas da violencia e a conflitividade dirixidas ó alumnado mosense de Esucación Secundaria Obrigatoria, ESO, a concellería de Educación e Participación Cidadá que dirixe a edil Kely Monzón imparte estes días un obradoiro de prevención de condutas violentas para os estudantes de terceiro ciclo de Educación Primaria, 5º e 6º cursos.

Monzón, concelleira responsable desta iniciativa, explicaba hoxe a este respecto que “o aumento de condutas violentas nas aulas e fóra do centro educativo, é un aspecto preocupante sobre o cal faise primordial traballar de forma preventiva. Por este motivo, dende a concellería de Educación queremos atender este aspecto cos últimos cursos de Educación Primaria, abordando temas como as condutas conflitivas e as súas consecuencias, dende unha perspectiva preventiva de cara a evitar situacións indesexables e como base á incorporación á Educación Secundaria, contexto no que as condutas violentas están máis presentes”.

Os obxectivos deste obradoiro son previr o desenvolvemento de condutas violentas, promover o desenvolvemento de habilidades sociais que faciliten a convivencia (empatía, respeto, tolerancia …), potenciar a reflexión sobre os beneficios das boas relacións, achegar as técnicas de autocontrol, desenvolver o respecto ás diferenzas e informar sobre as diferentes actitudes que se adoptan ante situacións conflitivas e como facer fronte.

Os centros solicitantes desta acción educativa e nos que se está a impartir son o Colexio de Atín, no que participan hoxe 18 alumnos e alumnas de 5º curso de Primaria, e o CEIP Mestre Martínez Alonso de Castro-Mos, no que participaron onte 37 alumnos e alumnas. En total benefícianse desta actividade 55 estudantes mosenses.

O taller de prevención de condutas violentas consta dunha sesión de hora e media de duración. O contido do obradoiro comeza coa formación en técnicas de autocontrol e resolución pacífica de conflitos, seguido do visionado dunha curtametraxe na que se amosan situacións conflitivas para rematar cun debate sobre o mesmo e aplicando o aprendido como forma de solucionar racionalmente esas situacións amosadas.

Deja un comentario