+034 986 09 02 04 Venres 21 de Setembro de 2018

O concello de Bueu acometerá a reforma da fachada da nave de deportes náuticos e a adecuación do interior Pavillón


A Deputación de Pontevedra acaba de remitir ao Concello de Bueu a resolución para acometer a obra de reforma da fachada da nave de deportes náuticos de Pescadoira e a adecuación interior do Pavillón Municipal Pablo Herbello. Este proxecto de mellora das instalacións deportivas municipais acometerase mediante a suma de dúas baixas na licitación de dúas obras anteriores, que se realizaron con cargo ao Plan de Obras e Servizos 2015 do ente provincial. Estas son a de cambio de material de cubrición da nave de deportes náuticos e a de reparación e melloras no Pavillón Municipal, cuxas baixas suman en total 31.827,82 €.
Con este orzamento financiarase a obra de mellora nas fachadas, na que tamén se abrirán ventás para que a nave goce de maior ventilación e iluminación. Como complemento aplicarase un tratamento aos muros de pedra existentes, mediante a reparación das xuntas e unha monocapa resistente ao ambiente salino, debido á situación de proximidade da nave ao mar. E por último, inclúese a construción dun muro suplementando o existente na fachada sur (colindante coa praia de Petís), tapando a xunta con tapa inclinada para dificultar o acceso á cuberta a persoal non autorizado.
No que atinxe ao Pavillón, o proxecto prevé dotar as gradas dun total de 400 asentos de plástico con respaldo para mellorar a comodidade dos usuarios e usuarias.
Últimas melloras nestes espazos
O mantemento destes dous espazos forma parte da preocupación incesante do goberno local polas instalacións deportivas do municipio. Así, nos últimos meses no pavillón instalouse unha caldeira de biomasa que permitirá o aforro de enerxía, ademais de 45 luminarias LED na pista polideportiva, con cargo a sendas subvencións do INEGA. Ademais, tamén se renovaron as canalizacións interiores dos vestiarios.
No que atinxe á nave, desta recibiu o Concello a concesión por parte do Ministerio de Agricultura para a súa rehabilitación completa, tendo como obxectivo a remodelación para empregala como almacén, taller de embarcacións e práctica de remo, así como para outras vinculadas con este deporte.

Deja un comentario