+034 986 09 02 04 Domingo 05 de Xullo de 2020

“Ningún neno sen agasallo de Nadal”, campaña do Concello de Ponte Caldelas para axudar ás familias desfavorecidas


O Goberno local aproba unha partida de adquisición de agasallos, roupa e libros para que os cativos reciban a visita de Papá Noel e os Reis Magos

A sensibilidade social do Concello de Ponte Caldelas volveu quedar acreditada co acordo adoptado pola Xunta de Goberno Local, celebrada este pasado venres, polo que se aproba unha partida de 2.000 euros para a campaña “Ningún neno sen agasallo de Nadal”.
A decisión súmase a outras anteriores, como o reforzamento da partida municipal de Emerxencia Social, que permite botar unha man ás persoas que peor o pasan coa crise, e ao reparto de 40 cheques de 100 euros cada un en alimentos que se están a repartir precisamente estes días para axudar a completar as mesas de Nadal a aqueles que o necesitan.
O Goberno local, formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, destaca que a vulnerabilidade social é especialmente crúa nestas datas para os máis cativos. O texto subliña que ningún neno ou nena de Ponte Caldelas debe quedar sen a visita de Papá Noel e os Reis Magos pola debilidade económica dos seus pais.
Deste xeito, os solicitantes seleccionados polos Servizos Sociais Municipais disporán dunha achega de 50 euros, á que se sumará o material funxible para os envoltorios e presentación do agasallo. Os cartos poden gastarse, segundo as bases aprobadas, en xoguetes, roupa, calzado e libros.
As persoas interesadas poden pasarse polo Concello para solicitar a axuda, ao tempo que os propios Servizos Sociais xa teñen detectadas varias situacións que se van atender “de oficio”. O obxectivo é que os agasallos estean dispoñibles para este Nadal e, ao máis tardar, para a data do 6 de xaneiro, festividade dos Reis Magos.
O alcalde, Andrés Díaz, subliñou que este tipo de gastos “son os cartos mellor investidos de todo o orzamento municipal porque moitas veces estamos moi preocupados en facer obras e, antes que nada, hai que pensar nas persoas”.
O Goberno Local tripartito inviste máis de 26.000 euros entre axudas directas de emerxencia social, vales de compra de alimentos e adquisición de xoguetes no Nadal. Ademais, xa ten previsto continuar na liña de incremento desta liña de traballo cos Orzamentos de 2017.
Ao mesmo tempo, o compromiso social da institución estase a manifestar tamén noutras liñas de traballo, como a colaboración constante coas empresas radicadas no polígono industrial da Reigosa para a contratación de veciños do municipio a través da bolsa de traballo que xestiona directamente o Concello.

Deja un comentario