+034 986 09 02 04 Xoves 26 de Abril de 2018

O Programa ‘Nadal en Galego’ achega a tradición e a cultura de seu a 27 concellos da provincia


O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e a deputada delegada de Príncipe Felipe, Eva Vilaverde, recibiron ao Apalpador esta mañá en Poio

O programa ‘Nadal en Galego’ da Deputación está a levar a 27 concellos da provincia un espectáculo protagonizado polo ‘Apalpador’ para fomentar entre a rapazada o coñecemento sobre a cultura e a tradición galegas vinculadas ao Nadal. O percorrido xa se iniciou o pasado xoves nas escolas infantís de Cangas, e  pasou polo CEIP A Florida de Sanxenxo e polo CEIP Isadora Riestra de Poio, mentres que pola tarde visitará os centros de acollida de Príncipe Felipe. Á visita que fixo ao centro educativo de Poio achegáronse a concelleira de Ensino da localidade, Marga Caldas, a deputada delegada de Príncipe Felipe, Eva Vilaverde, e o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal.
“Desde o departamento de Cultura e Lingua é moi importante manter este programa, que primeiro se levará polos centros educativos e ao que comecen as vacacións para a rapazada irá a outros espazos elixidos polos propios concellos” indicou Xosé Leal esta mañá en Poio. Este programa, que xa se puxera en marcha o pasado ano, está concibido coa idea de fomentar transversalmente o uso e a dinamización do idioma, así como valores ligados ao medio ambiente, os hábitos saudables e o coñecemento da tradición de Nadal de seu. O deputado insistiu en que “levar a figura do Apalpador polas comarcas da provincia é fundamental nesta época, porque así os máis pequenos e pequenas poden familiarizarse coas nosas tradicións e coas nosas raíces culturais”. Unha idea compartida pola concelleira de Ensino, Marga Caldas, que ademais apuntou que “esta colaboración entre Deputación e concellos permite achegar unha figura fundamental nestas datas ao alumnado, porque somos as institucións as que debemos promover e apoiar este tipo de iniciativas”.
Esta mañá no CEIP Isadora Riestra participou todo o alumnado concentrado no patio -máis de 200 alumnos de idades comprendidas entre os 3 e os 11 anos- facendo parte dunha actuación que, segundo indicou o director do centro, chegaba por primeira vez para o conxunto de todo o colexio, posto que aínda que con anterioridade houbera outras experiencias, cinguíranse só a un aula en concreto. Pola súa banda, a deputada delegada de Príncipe Felipe, Eva Vilaverde, asegurou estar “moi contenta porque por primeira vez os e as rapazas dos centros de acollida tamén poderán coñecer ao Apalpador, falar con el e trasladarlle as súas peticións”, en referencia á visita programada para as 17 horas de hoxe.
O Apalpador
Este espectáculo está fundamentado na recuperación de valores medioambientais e de hábitos saudables. Trátase dunha actuación eminentemente musical que inclúe ao propio Apalpador, a un músico cun acordeón e a un burro fariñeiro, feito en madeira de bidueiro, a través da que se convida aos nenos e nenas a subirse á montura por quendas e viaxar con eles. A ‘viaxe’ consiste nun percorrido polas lendas da cultura das montañas galegas, para coñecer os animais do bosque e a natureza propia de zonas como O Courel e Os Ancares.
É un espectáculo que vincula o Nadal coa tradición, recuperando unha figura que forma parte dos trazos identitarios galegos, para que os máis novos e as máis novas poidan familiarizarse con este personaxe e coñecer a súa historia. ‘O Apalpador’ representa unha figura mítica, que orixinariamente se representaba como un carboeiro de barba vermella e que segundo a tradición baixaba ás vilas desde as montañas a noite do 24 ou o 31 de decembro para tocar o ventre das crianzas para ver se comeron suficiente durante o ano e deixándolles a cambio agasallos e castañas, así como para desexarlles un novo ano cheo de felicidade e comida.

Deja un comentario