+034 986 09 02 04 Martes 20 de Febreiro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Uxío Benítez anuncia a construción dunha glorieta para mellorar a seguranza viaria no cruce entre O Castro e Abrea en Marín


O deputado provincial de Mobilidade subliña que o redeseño do cruce resolverá un punto negro na zona de conexión entre a variante e as praias marinenses

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou hoxe que a Deputación provincial mellorará a intersección das estradas provincias EP-1201 e EP-1202, entre o Castro e a Brea en Marín coa construción dunha nova glorieta. Segundo Benítez, prevese que a actuación, que ten un orzamento de licitación de 145.978,95 euros e estará finalizada na primavera, mellore a visibilidade no cruce.

Segundo manifestou Benítez, a Deputación de Pontevedra ten como obxectivo prioritario aumentar a seguranza toda a rede de estradas provincial mediante o calmado do tráfico e a eliminación de puntos negros. “Neste caso o cruce está nunha zona de conexión coa variante de Marín. A actuación vai ordenar a confluencia de dúas estradas provinciais nas que conflúe o tráfico que vai cara o núcleo de Marín e de Seixo, así como ás distintas praias do concello. Hai polo tanto un problema de afluencia de vehículos que se incrementa na temporada estival e que pretendemos solucionar”, afirmou.

Benítez anunciou hoxe as obras á rexedora de Marín, María Ramallo, quen solicitara o proxecto antes do verán. “Foi unha das peticións prioritarias que manifestou a alcaldesa e que agora imos resolver, porque a actuación nos puntos onde non hai seguranza viaria é unha das nosas prioridades e eixos estratéxicos de actuación”, insistiu Benítez, para lembrar tamén que durante os últimos meses mantivéronse varias reunións técnicas de traballo nas que se plasmou o acordo total entre concello e Deputación.

O deputado tamén recolleu a petición da alcaldesa de facer unha actuación global de mellora da estrada provincial dende a nova glorieta ata Seixo, cuestión que será estudada tecnicamente polos funcionarios provinciais.

Características
O proxecto incorpora a realización dunha glorieta na intersección que se sitúa entre as zonas de O Castro e Brea. Para elo realizarase a ocupación de cinco parcelas privadas co obxecto de incrementar a superficie dispoñible e poder resolver o cruce.

Entre as actuacións contémplase a demolición dos muros de peche de mampostería existentes na zona, a formación de explanadas nas zonas de ampliación, o fresado e extensión dunha capa de rodaxe na actual calzada para corrixir os peraltes, unha solución de drenaxe mediante a remodelación de cunetas e absorbedoiros, así como a reposición das canalizacións de pluviais e saneamento. Tamén se mellorará o alumeado potenciándoo coa instalación dunha luminaria de catro focos no medio da glorieta. Por outra banda, renovarase a sinalización, coa instalación de defensas e balizamentos axeitados á configuración prevista no proxecto.

Tal e como está a facer a Deputación en todas as vías provinciais, nesta actuación tamén se instalarán elementos de calmado do tráfico. Segundo explica o deputado Uxío Benítez, debido á perigosidade da zona, colocaranse tres redutores físicos de velocidade de vehículos coincidindo cos pasos de peóns e limitarase a velocidade a 30 quilómetros hora.

Finalmente, tamén se desprazará unha torre de media tensión da liña eléctrica, que pasará a ser soterrada, para o que xa hai acordo con Fenosa.

No vindeiro Pleno da Deputación aprobarase o expediente de expropiación dos terreos, para posteriormente iniciar o procedemento de licitación da actuación. Agárdase que, se toda a tramitación vai nos prazos previstos, a glorieta poida estar finalizada na vindeira primavera.

Deja un comentario