+034 986 09 02 04 Domingo 05 de Xullo de 2020

Mos contratará o mantemento de parques e xardíns e a instalación do rego automático para un resultado “impecable” nas zonas verdes


Tratábase dunha demanda veciñal á que dende o Concello se lle quixo dar a máis óptima resposta
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro mosense de parques e xardíns, Cándido Pérez, informaron hoxe de que foron aprobados na última Xunta de Goberno Local os pregos técnicos e económico-administrativos para a contratación do servizo de mantemento de zonas verdes e instalación de rego automático. O procedemento de contratación será aberto e as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas tras a publicación do pertinente anuncio nos diarios oficiais BOP e DOG. Concretamente nun prazo de 15 días hábiles a contar dende o día seguinte da publicación do anuncio no último boletín que sala publicado.
O pasado mes de novembro Arévalo, rexedora local mosense, xa anunciara que no orzamento municipal aprobado para 2017 incrementábanse certas partidas para mellorar servizos municipais tales coma o mantemento de zonas verdes e parques e xardíns, ao tratarse dunha gran demanda veciñal; e dende o Concello de Mos quíxoselle dar resposta aos veciños.
Deste xeito, priorizarase a instalación de rego automático en todos os espazos verdes. Tal é a prioridade que se lle dá dende o Concello a estas melloras que, para que poidan ser iniciadas en xaneiro de 2017 e todo se atope en perfectas condicións no mes de marzo do ano que ven, realízase a tramitación anticipada da contratación das mesmas pero con cargo ó novo orzamento.
A duración do contrato da empresa que resulte ser a concesionaria será de dous anos con posibilidade de prórroga ata un máximo de catro anos. O valor estimado do contrato para os catro anos é de preto de 300.000 euros, a razón duns 60.000 euros anuais. E o contrato de obras por instalación do sistema de rego automático ascende a 60.000 euros.
O prego de condicións establece as condicións técnicas esixibles para garantir a conservación dos espazos verdes e arborado, de xeito que os elementos contidos nestes se atopen en todo momento dentro duns parámetros de calidade óptimos para o gozo dos cidadáns.
Tal e como explicaron esta mañá os responsables municipais, Arévalo e Pérez, “o obxectivo deste contrato é que todos os labores de mantemento e reposición sexan aplicados en tempo e forma nas distintas zonas verdes do Concello e, como tal, o resultado ten que traducuirse nun aspecto impecable percibible polos cidadáns en todas e cada unha das zonas: parques, rotondas, isletas, arborado, fontes, etc.; co fin de conseguir que Mos dispoña dunhas zonas verdes sotibles, coa máxima calidade botánica, ornamental e de lecer”.
Os labores de conservación a realizar pola empresa concesionaria incluirán un programa de rego, resembra e sega anual, recorte e poda de arbustos e setos, aireación e escarificado das zonas de céspede, escarda, entrecavado e rastrillado mensual, limpeza e adecentamento, abonado e achegas de substrato, tratamento fitosanitario, perfilado, e labores de reposición de plantacións e de poda de árbores.
As zonas verdes municipais inventariadas e nas que a empresa realizará traballos de mantemento son un total de 103 repartidas nas 10 parroquias mosenses. E as zonas nas que se instalará o rego automático son 9: Parque da Auga en Sanguiñeda, Campo da Feira en Puxeiros, Centro de Saúde, contorno da Piscina de San Eleuterio, Parque da Porteliña, Parque de Castro-Mos, Cemiterio Municipal de Torroso, Parque de Torroso (xunto a ASODIFISI) e Parque da Lagoa en Cela. Mentres que o plan de axardinamento realizarase en 15 zonas: rotonda das leiteiras, rotonda de Pena de Francia, rotonda de Santiaguiño, isleta da Avenida de Sanguiñeda, rotonda do Cristo de Belén, rotonda do Campo da Feira, Parque da Auga en Sanguiñeda, Parque do Campo da Feira, Centro de Saúde, contorno da Piscina de San Eleuterio, Parque da Porteliña, Parque de Castro-Mos, Cemiterio Municipal de Torroso, Parque de Torroso (xunto a ASODIFISI) e Parque da Lagoa.
Respecto das condicións laborais, promoverase a contratación por parte das empresas licitadoras de persoal con discapacidade intelectual, en aras de contribuír á realización profesional e inclusión social das persoas diminuídas do municipio.

Deja un comentario