+034 986 09 02 04 Domingo 20 de Setembro de 2020

Ponte Caldelas entra en 2017 intensificando a súa aposta social con rebaixas na taxa da auga e no imposto de vehículos


As novas ordenanzas aprobadas polo Concello bonifican ás persoas en risco de exclusión, ás familias numerosas e aos que sofren unha discapacidade

O Concello de Ponte Caldelas continúa apostando polas políticas sociais e poñéndose ao lado dos seus veciños. O ano 2017 chegará cunha importante rebaixa na carga impositiva para todos os caldeláns por mor da modificación das ordenanzas de subministro de auga e do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) aprobada a finais de setembro.
O Goberno local de Ponte Caldelas, formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, decidiu abaratar a auga a todos os veciños, incrementando o tramo cuberto pola cota de servizo (3,84 euros), dende os 10 metros cúbicos mensuais aos 18 metros cúbicos. As melloras non quedan aí pois o Concello tamén bonifica no 100% o recibo das persoas que perciban a Renda de Integración Social de Galicia (RISGA) e nun 50% o das familias numerosas.
O aspecto físico dos recibos vai ser retocado para advertir aos veciños que vixíen o consumo por razóns ecolóxicas e, ademais, porque, con independencia da baixa municipal, os consumos determinan os impostos que cobra a Xunta de Galicia, como son o canon da auga e o coeficiente de vertido.
O alcalde, Andrés Díaz, explica que o servizo de abastecemento de auga está “municipalizado” e, ao non prestarse a través dunha concesionaria privada, o Concello pode levar á práctica unha política racionalización tarifaria sen afán recadatorio. “En Ponte Caldelas non só non subimos o IPC, como é habitual por estas datas, senón que baixamos o recibo”. Deste xeito, a auga de Ponte Caldelas é unha das máis baratas de Galicia e supón un custo inferior á metade do que pagan os veciños dos municipios da contorna.
A segunda boa nova en materia de impostos chega co cambio na Ordenanza de vehículos de tracción mecánica (IVTM), é dicir a popular “viñeta”. O novo texto elimina definitivamente o seu cobro para as persoas cunha discapacidade recoñecida superior ao 33%. Ata o de agora só gozaban de períodos de exención de dous anos renovables, o que os obrigaba a pagar a terceira anualidade. Unha situación ilóxica e irracional, recalcou o alcalde, porque se alguén ten unha minusvalía non ten nada que renovar.
Ademais, o Concello decidiu aceptar as peticións dos propietarios de vehículos clásicos e eliminar tamén o imposto para os propietarios de automóbiles cunha antigüidade superior aos 25 anos, unha medida que beneficia aos propietarios dos 98 coches destas características que están matriculados no municipio.
O Goberno local caldelán tripartito subliña que Ponte Caldelas reduce os impostos e taxas (tamén eliminou a taxa por uso do pavillón municipal) mentres aproba uns Orzamentos para 2017 que reducen a débeda municipal nun 20% ata deixala en 588.000 euros a finais de ano. Un camiño espectacular, engaden, cando o actual equipo de goberno herdou un “burato” de case un millón de euros do PP, produto dunha política irresponsable de petición de créditos a intereses moi elevados. Uns préstamos que non terminan de pagarse ata o ano 2022.
O alcalde subliña que o Concello de Ponte Caldelas é hoxe modélico en canto á súa xestión económica e aparece sempre na relación das entidades locais máis cumpridoras en canto á normativa estatal en materia de estabilidade orzamentaria, regra de gasto e morosidade. A estabilidade queda novamente prevista nos Orzamentos 2017, pois estímase un superávit (excluídos as partidas de ingresos e gastos financieiros) de 140.105 euros. A regra de gasto queda acreditada ao non superarse o incremento de 2,1% fixado polo Estado. Finalmente, a Tesourería municipal libra os pagos aos provedores por debaixo dos 30 días autorizados.
Andrés Díaz conclúe que, diante destes indicadores e do desastre de xestión que deixou o Partido Popular, en lugar de críticas deberían recibir felicitacións “porque a Ponte Caldelas, a día de hoxe, o único que lle falta é un nivel de investimentos por parte da Xunta de Galicia equiparable ao que se realiza nos concellos da contorna gobernados polo PP”.

Deja un comentario