+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017

A Xunta outorga a aprobación definitiva parcial ao Plan Xeral de Ordenación Municipal do concello de Caldas de Reis


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio trasladou ao alcalde da localidade esta decisión, que abarca ao 96% do territorio

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de outorgar a aprobación definitiva parcial ao Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Caldas de Reis. Así llo trasladou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e Urbanismo, Beatriz Mato, ao alcalde de Caldas de Reis, José Manuel Rey Rey, durante a reunión celebrada esta mañá, na que se asinou a Orde de aprobación parcial.

Esta aprobación chega despois de que o Concello de Caldas remitira o PXOM o 14 de novembro á actual Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, solicitando a súa aprobación definitiva. Unha vez que os técnicos analizaron o documento, aprobado provisionalmente polo Pleno Municipal do pasado 11 de novembro, puido emitirse a Orde de aprobación definitiva parcial.

A conselleira explicoulle que esta decisión da Dirección Xeral abarca o 96% do territorio, polo que queda en suspenso un 4% do ámbito do termo municipal, é dicir, queda pendente de aprobación 3 dos 19 solos urbanizables propostos polo Concello de Caldas ao non estar convenientemente xustificados ou parcialmente suxeitos á diversas afeccións sectoriais coma a de augas e infraestruturas.

Beatriz Mato indicou ao rexedor municipal que o concello deberá facer unha serie de correccións para emendar as deficiencias dos ámbitos que quedan sen aprobar e redactar un novo documento refundido para, logo dos trámites oportunos, someterse novamente a aprobación definitiva.

Contido do plan xeral
Os puntos destacados do contido do Plan xeral de ordenación son a conservación e potenciación dos valores de especial interese, tanto naturais como artificiais, mellorando a calidade de vida dos cidadáns; propón os mecanismos necesarios para dotar de servizos urbanísticos e infraestruturas á poboación existente e futura, propoñendo unha serie de roldas de comunicación en torno ao núcleo de Caldas.
Tamén establece o marco para os futuros desenvolvementos residencias no conxunto do concello, tanto no núcleo urbano de Caldas como nos núcleos rurais, establecendo unha ordenación que respecte o modelo existente.

O plan xeral supuxo estudar en detalle cada unha das case 6.850 hectáreas (68,5 km2) do concello. Coas determinacións do PXOM dispóñense de 54 hectáreas de espazos libres e zonas verdes.

O solo urbano supón o 2% (138 hectáreas) da superficie do concello e o urbanizable delimitado e non delimitado o 3,50% (238 hectáreas). Os núcleos rurais, coa súa banda de expansión constitúen preto do 9%. Dos 71 núcleos, 53 pertencen ao tipo de núcleo rural complexo (75%), 13 delimítanse como histórico tradicionais (18%) e tan só 5 deles delimítanse como comúns (7%).

Cabe citar que case un 86% do termo municipal cualifícase como solo rústico de especial protección, feito que se traduce nunha aposta pola preservación natural e paisaxística do concello. Apróbanse 16 dos 19 solos urbanizables delimitados e o urbanizable non delimitado, deixándose 3 en suspenso, incluído o novo solo urbanizable industrial SP-1.

Tramitación realizada
O apoio da Xunta de Galicia á redacción do PXOM tamén se visualizou na aportación dunha contía de máis de 115.000 euros (116.083) para colaborar na redacción do planeamento.

O Concello de Caldas de Reis dispoñía dunhas Normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente no ano 1995 e en 2013 aprobou inicialmente o PXOM e someteuno a información pública, dando audiencia aos concellos limítrofes e solicitándose informes aos distintos organismos sectoriais.

Posteriormente, en marzo de 2016 aprobou provisionalmente o plan xeral e remitiuno en novembro a Urbanismo, solicitando a súa aprobación definitiva consonte ao disposto no artigo art. 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, en relación coa D.T.2.ª.1) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Por último, o PXOM entrará en vigor 20 días despois de que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publique a Normativa e as Ordenanzas do PXOM e que o Boletín Oficial da Provincia (BOP) cumpra o mesmo trámite.

Deja un comentario