+034 986 09 02 04 Martes 04 de Agosto de 2020

Medio Rural achega 2,8 millóns de euros a 16 cooperativas e sociedades agrarias para proxectos de instalacións ou equipamentos en común


 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe os beneficiarios das axudas da Consellería do Medio Rural destinadas ao fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común en réxime asociativo, cofinanciadas co Feader a través do PDR 2014-2020. Neste caso, a achega ascende a 2,8 millóns de euros para 16 entidades.

A maioría de solicitantes reclamaron a achega para almacéns de maquinaria ou materias primas, para naves de diverso tipo de gando e instalacións que melloran as labores propias das explotacións. Estas axudas traduciranse nun investimento total no rural de 5,6 millóns de euros, xa que as achegas, aínda que varían segundo o proxectos, representan entre o 40% dos custos elixibles ata o 70% do investimento total do proxecto.

Estas axudas van dirixidas a cooperativas agrarias, de explotación comunitaria da terra e de utilización de maquinaria agrícola (CUMA), así como ás Sociedades Agrarias de Transformación. A través desta contribución a Xunta de Galicia apoia os sistemas de explotación asociativa con fins agrarios co obxectivo de facer un uso máis racional dos factores de produción. Ademais, favorécese a introdución de novas tecnoloxías no campo, algo crucial para garantir un futuro sostible, pero que en moitos casos sería imposible de incorporar sen unha axuda debido aos altos custos.

O obxectivo final destas achegas é conseguir que as explotacións sexan máis eficientes e sustentables, tanto no eido económico-social como ambientalmente, mellorando, polo tanto, as condicións de vida da poboación vinculada a estes sectores.

Deja un comentario