+034 986 09 02 04 Luns 09 de Decembro de 2019

Unhas 150 persoas déronse cita en Porriño nunha xornada de deporte adaptado e minusvalidez


Grupos formados por voluntarios e mozos con minusvalidez intelectual de ACEESCA, ASPAVI e do CEE Juan María de Vigo participaron nesta Olimpíada da integración

O pasado domingo en xornada matinal, celebrábase no Polideportivo Municipal de Porriño unha xornada de deporte adaptado á minusvalidez, na que colaboraron traballadores voluntarios da nosa localidade, xunto a mozos con minusvalidez intelectual de ACEESCA, ASPAVI e do CEE Juan María de Vigo.

A través dunha serie de probas atléticas, adaptadas aos niveis de todos os usuarios, os participantes colaboraron en xogos e carreiras para coñecerse e pasar unha mañá moi divertida nesta Olimpíada da integración. Máis de 100 persoas, entre voluntarios e beneficiarios, participaron nesta xornada, que rematou cunha entrega de medallas por parte do concelleiro de Deportes, M.Alejandro Lorenzo.

Dende a Fundación Deporte Integra valoraron moi positivamente o resultado desta actividade e quixeron «agradecer o apoio doConcello de Porriño a esta actividade, poñendo á nosa disposición todos os medios para que a xornada puidese desenvolverse á perfección,».

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes trasladou os voluntarios e os participantes nas probas que fixeron posible esta xornada «toda a miña admiración polo voso empeño e o meu agradecemento por facer posible que todos gozásemos dunha agradable mañá de deporte en familia».
Tras a entrega de medallas, os participantes compartiron unha comida cos seus familiares e acompañantes a estas xornadas de deporte adaptado cuxo obxectivo é a sensibilización na minusvalidez dos traballadores voluntarios, para facilitar a integración social e laboral das persoas con minusvalidez; o deporte e a actividade física son un medio perfecto para a colaboración mutua e para desenvolver actividades conxuntas nun ambiente lúdico e agradable.

A Fundación Deporte Integra organizou esta xornada a nivel nacional para os traballadores de Orange e Bosch, nas cidades de Madrid, León, Sevilla, Oviedo, Murcia e Salamanca, ademais da de Galicia, no noso municipio. Esta fundación xestiona escolas deportivas para nenos e mozos con minusvalidez en Madrid e Castela e León, ademais de organizar accións de integración para persoas en risco de exclusión social a nivel nacional, a través do deporte e con eventos como o do pasado domingo de voluntariado corporativo no ámbito da minusvalidez.

Deja un comentario