+034 986 09 02 04 Mércores 24 de Xaneiro de 2018

O DOG licita hoxe as obras de mellora do río Soutiño, en Valga, e de execución dunha rede separativa na rúa Manuel Lago, en Fisterra


A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio licita hoxe no Diario Oficial de Galicia ambos contratos de obra pública, cun orzamento de 1,3 millóns de euros

A Xunta de Galicia licita hoxe no Diario Oficial de Galicia (http://bit.ly/2hJvIPS) por case 1,3 millóns de euros as obras para de mellora do río Soutiño, en Valga, e de execución dunha rede separativa na rúa Manuel Lago, en Fisterra.

No caso de Valga, o obxectivo é solucionar os problemas de asolagamento neste concello, para o que se prevé un investimento de 930.000 euros, tal e como se comprometera no convenio asinado entre a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde da localidade.

A actuación que se levará a cabo en base a dito convenio enmárcase como parte das medidas de natureza estrutural previstas no Plan de Xestión de Riscos de Inundación elaborado por Augas de Galicia para a demarcación Galicia-Costa.

Na actualidade, o entorno do río Soutiño, en Devesa ata a confluencia co río Valga, preto da desembocadura do Ulla, é unha zona asolagable, onde Aguas de Galicia xa realizou diversas actuacións e encauzamentos para previr estes episodios extremos. Esta actuación pretende acometer a última fase das melloras nos ríos Valga e Soutiño.

En definitiva, trátase de encauzar o río Soutiño, entre a estrada PO-548 e a confluencia co río Valga, diferenciando tres treitos: o tramo 1 (desde o ferrocarril ata o tramo xa encauzado na fase I); o tramo 2 (augas abaixo do tramo xa encauzado ata a estrada onde se coloca un novo marco, con capacidade suficiente para a avenida de 100 anos de período de retorno); e o tramo 3 (ensánchase o cauce na zona ubicada tralas casas, onde se construíron muros e galpóns a carón do río, reducindo a anchura do cauce na actualidade a menos dun metro nalgúns puntos).

As obras tamén incluirá a prolongación da defensa da marxe esquerda nun pequeno tramo do río Valga, nuns 70 metros de lonxitude (a marxe dereita xa se atopa encauzada) e a demolición do azude existente (feito con sillares) e prolongación da condución de toma existente que alimenta ao muíño ao longo de cauce en 155 metros.

Fisterra
Os traballos que se licitan hoxe no DOG para Fisterra consistirán en executar unha rede separativa na rúa Manuel Lago, para o que se investirán máis de 382.000 euros. Como sucede no caso de Valga, esta licitación responde a un compromiso previo formalizado nun convenio asinado entre Beatriz Mato e o alcalde do concello.
Actualmente, na zona da actuación estanse a recoller augas procedentes dun arroio, o que supón unha achega de augas pluviais que produce un gasto de enerxía innecesario no bombeo que envía as augas negras á EDAR municipal. Para evitar isto, executarase un novo colector de augas pluviais ao longo da rúa Manuel Lago, que captará as augas limpas procedentes do arroio no seu punto máis alto e as conducirá ata un punto de desaugadoiro que existe na costa.

Para ambas actuacións, a data límite de presentación de ofertas será o próximo 25 de xaneiro. Ademais, tanto as obras de Valga como as de Fisterra estarán cofinanciadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

Deja un comentario