+034 986 09 02 04 Domingo 18 de Novembro de 2018

Ponteareas recupera co obradoiro de emprego dúas vivendas no centro da vila para aloxar a persoas e familias en situación de emerxencia social


O Obradoiro de emprego de Ponteareas, “Compromiso Social II” conta cun investimento de case 220.000 euros, asumidos conxuntamente pola Xunta de Galicia e o propio Concello, e que permite que 20 veciños e veciñas da vila obteñan formación durante seis meses e, ao mesmo tempo, perciban o salario mínimo durante este período de formación.

Os alumnos-traballadores do obradoiro de Ponteareas iniciaron os traballos para a rehabilitación de dúas vivendas situadas na rúa dos Mestres. O alcalde, Xosé Represas, e responsable de desenvolvemento económico e emprego, supervisou recentemente estes traballos.

“O alumnado do módulo de albanelería e restauración do obradoiro de emprego están a realizar nestas semanas estes traballos. Con esta actuación poderemos contar por primeira vez con dúas vivendas preparadas para o realoxamento temporal de familias en situación de emerxencia social ou para outras necesidades sociais”, indica o alcalde.

O obradoiro que iniciou a primeira fase de formación no pasado mes de setembro realizará outras actuacións ata o vindeiro mes de marzo. Despois destas obras acometerá obras de mellora nos locais situados baixo o palco da Feira Vella.

 

Por outra banda, o programa de atención socio sanitaria está posibilitando que 10 alumnos/as adquiran competencias de axuda no fogar a persoas con especiais necesidades de saúde física, psíquica e social.

Deja un comentario