+034 986 09 02 04 Martes 22 de Setembro de 2020

O PXOM e o bus urbano marcaron a xestión municipal do 2016 en Mos


A alcaldesa, Nidia Arévalo, realiza un balance do exercizo “altamente positivo” e asegura que “seguiremos a facer ben as cousas, de xeito responsable e volcados nas persoas”
A alcaldesa do Concello de Mos, Nidia Arévalo, xunto con varios concelleiros e concelleiras do seu equipo de goberno, presentou esta mañá ante os medios de comunicación un balance da xestión municipal realizada ao longo do exercizo 2016 que toca xa ó seu fin.
A valoración xeral de Arévalo, rexedora local mosense, é “altamente positiva, xa que no Concello de Mos estanse a facer ben as cousas, polo que pretendemos seguir nesta senda de xestión responsable e volcada nas persoas”.
Xestión anual que, tal e como explicou a alcaldesa, fundamentouse en nove pilares básicos que foron o PXOM que está a piques de ser aprobado definitivamente, a posta en marcha do bus urbano que xa se integrou no Transporte Metropolitano, o orzamento de 2017 (de case 10 millóns de euros, realista, aprobado en tempo e forma, cunha importante rebaixa da débeda municipal e incremento do gasto social), a nova Escola Infantil da Veigadaña que será a terceira para Mos, a mellora do servizo de recollida de lixo cunha nova concesionaria, o proxecto de mellora do nó de Sanguiñeda que une as rotondas de Costilleta e As Angustias, a importante inversión en saneamento que superou o millón e medio de euros; o proxecto de mellora do contorno e os accesos ao cemiterio de Petelos da consellería de Medio Rural, e a nova Ludoteca Municipal en Louredo, que será a segunda no Concello de Mos.
Ademais destes oito asuntos capitais, Nidia Arévalo destacou os logros anuais acadados en materias de infraestruturas, servizos, emprego, cultura e servizos sociais e participación cidadá.
En infraestruturas iniciáronse as obras de mellora da Autovía A-55 e de construcción do acceso que enlazará con San Eleuterio e a humanización do vial que une a Capela de San Amaro co Multiusos das Pozas.
Acometéronse traballos de reparación da cuberta do Multiusos e realizaranse os de reforma integral do Pavillón Óscar Pereiro. Así como subsanáronse os danos causados polos temporais do pasado inverno grazas á axuda da Xunta de Galicia, “xa que a Deputación deixounos nunha total situación de desamparo”, declarou Arévalo. A Xunta investiu 240.000 euros en reparar os catro viais máis deteriorados a causa dos temporais e que foron a Estrada da Vía e o Camiño de Bosende en Tameiga, e os Camiños Carballo do Monte e Cabo da Vella en Guizán.
Tamén se realizaron melloras no Colexio Pena de Francia e comprometéronse por parte da consellería de Cultura e Educación obras no comedor do Colexio de Sanguiñeda, CEIP Mestre Valverde Maio; e de reparación da cuberta e aleiros e instalación de peche perimetral no IES de Mos.
E por último, anunciouse e asinouse por parte da consellería de Infraestruturas e Vivenda o proxecto de acometida dunha senda peonil e ciclista en Atín.
Ademais a alcaldesa insistiu en que “no Concello de Mos priorizamos a prestación duns servizos de primeira, e o mantemento nas mellores condicións das zonas públicas de uso común, por iso puxemos en marcha un plan de mantenento de parques e xardíns con cargo ao novo orzamento que se atopa en pleno procedemento de contatación para que entre en funcionamento co comezo do novo ano e que conta cun orzamento de 60.000 euros anuais”.
“E no Concello de Mos nunca esquecemos que somos un municipio do Camiño e, sabedores de que ser paso do Camiño de Santiago é o noso principal activo cultural e turístico, poñemos o máximo empeño en coidar, mellorar e implementar dito activo, por iso: xestionamos o proxecto de creación dunha pasarela para poder cruzar a estrada N550 en Amieirolongo, estamos a traballar nun plan de mellora da sinalización do Camiño ao seu paso por Mos e de mellora da seguridade viaria para os camiñantes”, explicou tamén Nidia Arévalo.
A rexedora local mosense fixo especial fincapé en materia de emprego, xa que este ano leváronse a cabo en Mos 4 Obradoiros de Emprego (dous rematados e dous en marcha), 2 Plans Integrados de Emprego (un finalizado e un en funcionamento), 4 cursos AFD, e contratacións por RISGA, IOBE e Cooperación; sumando preto de 230 beneficiarios e unha inversión autonómica nestas políticas de emprego locais que se aproxima ós 1,1 millóns de euros. A maiores foron atendidos e asesorados pola Axencia de Colocación de Mos, tanto presencial como telemáticamente, preto de 800 usuarios/as.
En Cultura, ademais da tradicional programación cultural municipal (Festa da Rosa -declarada fai dous anos de Interese Turístico de Galicia-, Nadal, Entroido, Letras Galegas, etc.) promovéronse e apoiáronse novidosas e ambiciosas propostas culturais como o II Festival Intercéltico O Son do Pazo no que actuaron a Banda de Gaitas Airiños do Castelo, Malvela, Tiruleque, Gaiteiros da Ruada C.C. de Torroso, Treixadura, e Akelarre Agrocelta; e que foi subvencionado pola consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia.
Para concluir, Arévalo aportou datos das actividades de participación cidadá e os programas de servizos sociais. Nas actividades das iniciativas de participación como son Tempo de Lecer, Exercítate (natación e ximnasia para maiores), exursións para maiores, mocidade e para poboación xeral, cursos e campamentos participaron no 2016 un total de 1.102 persoas. Mentres que no programa Ocio en Familia que organiza espectáculos infantís para nenos/as e as súas familias unha vez ó mes participaron en total sobre 4.000 persoas, a unha media de 300 asistentes por acto.
E mediante os programas de dependencia de servizos sociais SAF (Servizo de Axuda no Fogar), Xantar na Casa, Teleasistencia, servizo de camas articuladas e Centro de Día de Petelos para enfermos de Alzheimer atendéronse a un total de 150 familias. Mentres que mediante axudas para Emerxencias Sociais atendéronse este ano no departamento municipal de Benestar Social a 85 familias que supoñen unhas 340 persoas.

Deja un comentario