+034 986 09 02 04 Venres 06 de Decembro de 2019

A praza de abastos acolleu a clausura do obradoiro ‘Larpeiradas da terra’


A concelleira de mocidade e infancia, Inmaculada Rodríguez Dias, clausurou o obradoiro “Larpeiradas da terra” que se desenvolveu todas as mañás dende o 22 de decembro e no que pais, nais, avós e avoas, nenos e nenas prepararon deliciosos pratos doces xuntos ao tempo que compartiron experiencias entre xeracións. Os participantes recolleron os seus diplomas, que acreditan que completaron con éxito un curso no que se tratou a prevención na manipulación de alimentos, a recompilación e posta en común de receitas de doces e sobremesas típicos galegos, a elaboración de receitas de doces galegos, e por último, un módulo sobre a historia do Concello, na que completaron un mural con fotos do que é Bueu.
Esta actividade púxose en marcha desde o Concello de Bueu no marco do programa Tecendo Lazos da Deputación de Pontevedra, que tiña como finalidade desenvolver obradoiros interxeracionais no ámbito do lecer e do tempo libre, a través dos cales crear estratexias, oportunidades e formas de creación de espazos para o encontro. Con esta actuación preténdese sensibilizar na promoción do apoio social, a aprendizaxe e o intercambio recíproco de recursos, ideas e beneficios individuais, familiares e comunitarios que permitan a construción de sociedades máis xustas, integradas e solidarias.

Deja un comentario