+034 986 09 02 04 Venres 19 de Outubro de 2018

Medio Ambiente remata a adecuación dos miradoiros de Fichocas e de Guillade en Crecente


A directora xeral de Patrimonio Natural supervisou o remate dos traballos aos que se destinaron máis de 30.000 euros e que foron cofinanciados con recursos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de rematar as obras de adecuación dos miradoiros das Fichocas e de Guillade, no Concello de Crecente. A directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, visitou esta mañá –xunto co alcalde, Julio García Luengo- as obra de adecuación desta zona, na que se investiron máis de 30.000 euros, e que foron cofinanciadas con recursos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

Tal e como explicou a directora xeral, o obxectivo desta actuación foi adecuar un miradoiro sobre o río Miño ao carón da estrada que une os lugares de Os Padrosos e Rebordechán, denominado como Miradoiro das Fichocas. Para gozar deste enclave sen afectar á contorna natural sinalizouse a zona de aparcamento e acondicionouse un camiño que une o aparcamento e o miradoiro das Fichocas, así como a contorna do miradoiro de Guillade.

Dende estes miradoiros visualízanse lugares moi emblemáticos do Concello de Crecente, como o amplo meandro do río Miño de case 360 graos e con abundante vexetación, que resulta moi atractivo dende a cota do miradoiro. Tamén se aprecian as pontes entre Filgueira e Cortegada.

A menos de 100 metros da situación prevista para o miradoiro existe un terreo adecuado para a construción dun aparcamento de vehículos. Este miradoiro estará situado nunha antiga curva, hoxe fóra de uso, da estrada que une A Cañiza e Filgueira (PO-406).

Ana María Díaz destacou o esforzo da Consellería de Medio Ambiente por apostar por este tipo de actuacións, que cumpre co obxectivo de recuperar espazos naturais e da súa posta en valor, co fin de que o conxunto da sociedade goce das paisaxes desta área galega.

Deja un comentario