+034 986 09 02 04 Sábado 20 de Xaneiro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

As ofertas das construtoras rebaixan ata un 24% o prezo de licitación da obra da Avenida Luís Rocafort en Sanxenxo


O vicepresidente Mosquera asegurou hoxe que é fundamental facer correctamente os trámites administrativos para evitar reclamacións

 
As ofertas das construtoras que aspiran a realizar a de mellora da avenida de Luís Rocafort en Sanxenxo rebaixan entre un 24% e un 5% o prezo inicial de licitación. Así o coñeceu esta mañá a Mesa de Contratación da Deputación, que abriu os sobres coas propostas económicas das 18 empresas que quedaban en liza para executar a obra.
A oferta máis económica foi de 1.242.196,35 euros e a máis alta de 1,568.220,5 euros sobre unha base de 1.650.759.28 euros orzamentados inicialmente polos técnicos provinciais. Con estes datos garantiuse que ningunha das firmas aspirantes presentou unha baixa temeraria. O seguinte paso administrativo antes da adxudicación final serán a redacción dun informe de avaliación conxunta das ofertas técnicas e económicas para propoñer á Xunta de Goberno a alternativa máis favorable. Despois a empresa terá que presentar as garantías de solvencia, asinar o contrato e presentar a acta de replantexo dos traballos.
Preguntado sobre a obra de mellora da avenida Luís Rocafort, o vicepresidente Mosquera asegurou hoxe que a resolución da Mesa de Contratación é un trámite administrativo que é fundamental facer ben co que non debe haber presa. “Igual queres apurar –na burocracia- e de repente engánaste nun detalle, preséntanche unha reclamación, e perdes seis meses… Por iso é prioritario que se faga ben. Está todo en marcha e o fundamental é que esa obra vai levar unha calidade como se merece a zona”, subliñou.
En relación aos prazos de inicio e execución, así, insistiu en que “non hai maneira de facer predicións” xa que todo depende do prazo no que finalicen os mencionados trámites burocráticos. De feito, indicou que só cando estea adxudicada a obra poderase falar das posibilidades tanto coa empresa e co Concello de Sanxenxo. “Se non está para o verán, empézase despois do verán ou cando sexa… Obviamente as obras teñen as súas molestias. Gustaríannos que estivesen feitas antes de empezar… pero non. Hai que esgotar todos os trámites. O de hoxe é un trámite moi importante e unha vez estea a obra adxudicada será cando se poida xogar cos prazos. Antes é absurdo”, subliñou.

Deja un comentario