+034 986 09 02 04 Xoves 18 de Xaneiro de 2018

Ponte Caldelas estrea obradoiros de prevención de violencia de xénero entre o alumnado do Instituto de Ensino Secundario


A iniciativa consistirá en tres días de actividades para concienciar a un grupo de idade moi sensible a esta problemática

O alumnado de Terceiro e Cuarto Curso de Ensino Secundario Obrigatorio (ESO) do Instituto de Ponte Caldelas participa, a partir deste mesmo luns, nunha serie de obradoiros para traballar a prol da prevención da violencia de xénero.
As actividades vanse desenvolver durante as xornadas dos días 16, 17 e 20 de xaneiro e complementan así as que xa se teñen desenvolvido cos alumnos dos últimos cursos de Ensino Primario durante os últimos meses e nas que tamén contou coa colaboración do posto da Garda Civil de Ponte Caldelas.
Os obradoiros estarán a cargo de persoal especializado do gabinete Amaturi, que ten unha ampla experiencia dende o seu nacemento no ano 2009 nos eidos da formación social no eido da sexualidade, abranguendo especialmente á muller, á mocidade e ás persoas con discapacidade e desenvolvendo tamén unha intensa actividade preventiva en condutas problemáticas.
O Concello de Ponte Caldelas tramitou e obtivo, o pasado mes de outubro, unha subvención de 2.400 euros da Deputación Provincial para a organización de actividades de fomento da igualdade e loita contra a violencia de xénero no marco do programa “Desenrédate”.
O Goberno local tripartito, formado polos grupos municipais do PSdeG-PSOE, AVP e BNG, decidiu priorizar entre as actividades a realizar a prevención da violencia de xénero entre o alumnado do Instituto Cordo Boullosa, ao tratarse dun grupo de idade moi sensible e no que cómpre traballar dun xeito moi específico.
Por outra banda, ao longo deste ano, o Concello desenvolverá máis actividades nesta liña e prepara tamén unha programación propia e distintiva dirixida especificamente á muller e o seu empoderamento en todos os eidos da vida social.

Deja un comentario