+034 986 09 02 04 Martes 23 de Outubro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O equipo de Arqueoloxía da Deputación de Pontevedra acha pezas de cerámica de luxo e unha pulseira de bronce no campo da Lanzada


 

Os novos descubrimentos pertencerían a arredor do século I d.C. e foron atopados nun concheiro-vertedoiro e no que se cre que podería ser un forno

O equipo de Arqueoloxía da Deputación de Pontevedra segue atopando novas pezas durante as súas tarefas de escavación no Campo da Lanzada, en Sanxenxo. Nesta ocasión, véñense de atopar tres pezas de cerámica bracarense e sigillata e tamén unha pulseira de bronce, que o equipo de Arqueoloxía da institución provincial sitúa arredor do século primeiro d.C.

No caso das pezas de cerámica, os obxectos estarían ligados ao sector do comercio da época romana. Esta é a primeira vez que se atopa unha peza bracarense no Campo da Lanzada, mentres que as pezas sigillatas súmanse ás xa máis de mil atopadas deste mesmo estilo no lugar. Todas as pezas de cerámica foron atopadas nun concheiro (neste caso, un vertedoiro) e están consideradas como artigos de luxo, todas elas para un uso de mesa e non cotián (o equivalente no noso tempo coa “vaixela dos domingos”) pero con algunhas diferenzas tanto no centro de produción (as sigillatas proceden da Rioxa e as bracarenses de Braga) como na súa orixinalidade (as sigillatas considéranse pezas máis orixinais, mentres que as bracarenses serían imitacións destas tanto na súa forma como nos seus elementos decorativos).

No caso da pulseira de bronce, que se atopou nun estado de conservación elevadamente bo, o achado produciuse nunha zona que aínda está sendo escavada e vinculado a outros materiais datados tamén do século I d.C. Aínda así, tal como aconteceu cun dos puñais atopados con anterioridade, poderíase tratar dunha peza máis antiga pero descuberta nun contexto máis moderno, polo que esta data débese ter unicamente como referencia a falta da realización dos estudos que a confirmen. A pulseira atopouse nun depósito de carbón que o equipo de Arqueoloxía da Deputación de Pontevedra, a falta de podelo confirmar polo momento, cre que se podería tratar dun forno.

Estes achados súmanse ao dunha nova fíbula de bronce, como avanzou a Presidenta da Deputación, Carmela Silva, esta mesma semana, moi característica de entre os séculos I a.C. ao I d.C. e tamén ao dun tanque de cristalización dunha salina a máis de 50 metros da actual escavación que podería ser de época prerromana. Aínda que o achado se produciu durante unha simple sondaxe, finalmente acabouse escavando unha área de 30 m2 que permitiron ver case a totalidade de dito tanque.

Dende o pasado mes de xullo, cando comezaron as escavacións na Lanzada, xa se levan atopadas máis de 15.000 pezas distintas entre as que destacan cerámicas, moedas de distintas épocas, puñais e fíbulas, entre outros obxectos. Ademais, atopáronse os corpos de catro adultos e adultas (tres corpos e o fragmento dun cranio) e outros 13 neonatos e neonatas.

Ao longo do que resta de mes vaise continuar coa escavación dunha pequena zona do Campo da Lanzada e, posteriormente, procederase a consolidar as estruturas atopadas para o traballo restante de musealización que deberá levar a cabo o Ministerio de Fomento no marco do protocolo de posta en valor dos xacementos da provincia de Pontevedra.

Deja un comentario