+034 986 09 02 04 Martes 24 de Abril de 2018

Pontevedra agarda preto de 4.000 visitantes durante esta fin de semana co gallo do Campionato de España de Taekwondo


A proba confirma a confianza das federacións deportivas na cidade como organizadora de eventos de alto nivel

O Campionato de España de Taekwondo por clubs ateigará a cidade de Pontevedra durante esta fin de semana. A proba, que se celebra entre este venres, día 5, e o luns, día 8, congregará a 1.578 deportistas, preto de 500 técnicos, uns 100 xuíces e un número case imposible de estimar de familiares dos participantes e afeccionados a este deporte.
O torneo, que garante a ocupación hoteleira de Pontevedra e algúns municipios da bisbarra durante esta fin de semana, foi presentado hoxe nun acto no que participaron o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández; o presidente da Federación Española, Juan Carlos Eiriz, e o presidente do club Mace Sport, Miguel Cor-tegoso.
Todos os afeccionados ao taekwondo poderán gozar no Pavillón Municipal dos Deportes dun espectáculo no que se combinarán as diferentes modalidades (exhibición, técnica, freestyle e combate) e atrae aos mellores deportistas de toda España, especialmente, en combate. O torneo outorga, nesta última modalidade, 10 puntos de ránking para o Mundial e o Europeo.
O alcalde subliñou a intensa relación de Pontevedra co taekwondo e destacou que a cidade aspira a acoller un Open de categoría G2 de cara ao ano próximo. Tan só se organizan dous por continente e, por tanto, suporía un gran aliciente para a asistencia de deportistas internacionais.
Agustín Fernández lembrou que o ano 2014 comezou cun primeiro Campionato de España junior de taekwondo e, despois de decenas de competicións, varios campionatos nacionais e mesmo un Mundial de Duatlón, “o círculo péchase cun novo Campionato de España de taekwondo”. Un calendario que demostra a confianza das federacións na capacidade organizativa de Pontevedra.
O concelleiro de Deportes comentou que a elevada asistencia está a provocar que mesmo se dean problemas para obter billetes de tren ou avión dende Madrid, especialmente para mañá xoves.
Juan Carlos Eiriz e Miguel Cortegoso confirmaron que se están a romper todas as cifras de participación nunha proba destas características.
O torneo comeza este venres, ás 15.00 horas, coa celebración das probas de técnica infantil (169 deportistas) e adultos (172). O sábado será o momento da competición de combate cadete e júnior. Serán 367 cadetes e 297 júnior. O domingo chega o Campionato de España de Combate Sénior, con 240 inscritos. O último día da competición será para a exhibición e o freestyle. Precisamente, a exhibición é unha das modalidades máis espectaculares, e na que Galicia é a absoluta dominadora. Ademais, o club local, o Mace Sport, acadou hai unhas semanas o título de campión galego, polo que agora parte co aliciente de buscar o título nacional.
O Natural Sport Riveira é o actual campión de España por clubs, título que ven revalidando dende hai sete anos.

Deja un comentario