+034 986 09 02 04 Xoves 26 de Abril de 2018

A Mancomunidade do Morrazo desenvolverá unha campaña de concienciación ambiental


O programa busca aumentar nun 20% as porcentaxes de reciclaxe dos residuos orgánicos e de envases para 2020

A Mancomunidade de Concellos do Morrazo desenvolverá este ano unha campaña de concienciación sobre a reciclaxe nos municipios de Bueu, Cangas e Moaña. Así o acordaron os representantes dos gobernos dos tres concellos na reunión que mantiveron na mañá deste venres co xerente da concesionaria do servizo do lixo, e a Asociación Amigos da Terra, redactora do proxecto.
Segundo expuxeron as representantes desta asociación con máis de dezanove anos de experiencia neste eido, o obxectivo da campaña é aumentar un 20% as porcentaxes de reciclaxe dos residuos orgánicos e de envases para 2020, para dar cumprimento aos obxectivos da Directiva Marco de Residuos. Para iso levaranse a cabo unhas liñas de traballo que teñen como punteiro base a comunicación e difusión nas redes sociais e nunha web do proxecto, na que se ofrecerá asesoramento e solución de problemas en liña, dando un papel activo á cidadanía.
Ademais levaranse a cabo accións de rúa, mediante entrevistas a persoas de a pé nas que conten a súa experiencia coa reciclaxe, aproveitando sobre todo as efemérides ambientais.
Para levar a cabo esta redución de residuos é preciso que se diminúa a cantidade de resto orgánico, que se consegue coa compostaxe, área na que tamén se incidiría con esta campaña. Así, organizaríanse programas de compostaxe doméstica e comunitaria e se traballaría na modificación e/ou ordenanzas municipais a favor . Este aspecto veríase fondamente influído pola interacción coa comunidade educativa, á que se lle facilitarían proxectos para traballar co alumnado neste campo.
No encontro estiveron Félix Juncal, alcalde de Bueu e presidente de quenda da Mancomunidade, Fidel Castro, concelleiro de obras e servizos de Bueu, Odilo Barreiro, edil de medio ambiente en Moaña, Marta Freire, concelleira de obras e servizos no municipio moañés, e Mercedes Giráldez, concelleira de obras e servizos de Cangas, ademais de representantes da asociación e da concesionaria do servizo do lixo.

Deja un comentario