+034 986 09 02 04 Luns 22 de Outubro de 2018

“Un mar de emocións” no Centro Cultural de Ponte Caldelas durante este mes de xaneiro


A exposición quedou inaugurada esta fin de semana

O Centro Cultural de Ponte Caldelas acolle durante este mes de xaneiro a exposición “Un mar de emocións”, unha recompilación audiovisual sobre a costa de Galicia xurdida dunha amizade fraguada entre artistas galegos a través dun grupo de Facebook. A amizade deu paso á colaboración e quedou plasmada coa creación do Grupo On.
O mar e a súa xente, señas de identidade de Galicia como país e símbolo de unión, é o fío condutor desta exposición. Unha colleita de imaxes que reflicte os sentimentos que a presencia do mar evoca en nós. Estará aberta ao público durante todo o mes de xaneiro en horario de 17.00 a 20.00 horas, agás o venres, día 20, xornada feirada en Ponte Caldelas, cando será visitable tamén en horario de mañá, dende as 10.00 ás 14.00 horas.
Os artistas do Grupo On decidiron materializar ese traballo, que inicialmente compartían nas Redes Sociais, para dar forma a esta exposición. En primeiro lugar a mostra estivo na Coruña, onde tivo un gran éxito e gustou tanto que decidiron iniciar unha xeira por varios concellos galegos. Deste xeito recala na capital do Verduxo.
A exposición recolle fotografías e vídeos da costa galega realizados por 19 autores que reflicten a impresionante beleza e forza do noso mar. O obxectivo é que a xente poida gozar do mar a través da ollada particular dos membros do Grupo On. No caso dos 4 vídeos de José Carlos Castro Martínez que se reproducen na exposición, a idea é ralentizar o movemento para degustalo e aprecialo ben. Ao mesmo tempo, o artista acelera o mundo invisible do fondo do mar para facer xurdir a vida diante dos nosos ollos.
O Grupo On está constituído polos artistas plásticos María Varela, David Pérez, Carlos Cadilla, Adrián Segade, Rafael Baz, María Lomba, J.Carlos Castro, Bruno Tato, Fernando Gainzarain, M.José Acevedo, Carlos Pascual, Lecio Alonso, Susi García, Ana López, Teresa Cerqueira, Pili Prendes, Alfonso Hermida, Urce Martínez e Amparo Pacheco.

Deja un comentario