+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018

O CIM de Soutomaior clausura o seu laboratorio de costura creativa co documental “fios fora”


Os traballos das participantes do ciclo poderanse admirar no Multiusos de Arcade tras a entrega de diplomas
O Centro de Información á Muller de Soutomaior clausura pola tarde o seu Laboratorio de Costura Creativa coa proxección do documental “Fios Fora”, unha historia sobre a vida das traballadoras do sector téxtil. Ademais do documental, entregaranse os correspondentes diplomas do curso e as alumnas expoñerán os traballos realizados durante o laboratorio. Os actos comezarán ás 19:00 horas no Multiusos de Arcade e o acceso é totalmente gratuíto.
Fios Fora é un documental producido por Illa Bufarda para Amarante Setem e aborda as historias de varias mulleres galegas que traballaron no sector do téxtil a partir dos anos 60 e supuxeron a man de obra para o crecemento dunha industria que hoxe en día se atopa totalmente deslocalizada. Testemuños como o de Sabina Otero ou Agostiña Vázquez, obreiras na fábrica téxtil de Regojo, dan vida a uns feitos que para moitos parecerían hoxe incribles.
Previamente á proxección do documental, a Concelleira de Igualdade, Cristina González Pedras, fará entrega ás 15 participantes do laboratorio dos diplomas acreditativos do ciclo e abrirá a exposición das obras das participantes ante os asistentes.

Deja un comentario