+034 986 09 02 04 Sábado 20 de Xaneiro de 2018

Ethel Vázquez destaca que a senda peonil e ciclista entre A Lanzada e Soutullo, na estrada PO-308, estará rematada no verán


Vázquez Mourelle indica que este primeiro treito, cunha lonxitude de 2,7 km e un investimento de 3,3 millóns de euros, avanza a bo ritmo, xa que os traballos están executados nun 34 %
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, supervisou hoxe as obras da senda peonil e ciclista entre A Lanzada e Soutullo, na estrada PO-308, da que avanzou que estará rematada este mesmo verán.

Vázquez Mourelle explicou que este treito de senda está enmarcado no novo itinerario peonil e ciclista na PO-308, entre A Lanzada e Portonovo, que a Xunta está a impulsar cun investimento global que se sitúa no entorno dos 6,5 millóns de euros. Fixo fincapé en que este proxecto incidirá no incremento da seguridade viaria, mellorará os desprazamentos a pé e en bici dos veciños, e contribuirá á dinamización turística dunha zona á que cada verán se achegan miles de visitantes para desfrutar do litoral.

O tramo visitado hoxe, cunha lonxitude de 2,7 km e un investimento de 3,3 millóns de euros, constitúe a primeira fase do itinerario proxectado entre A Lanzada e Portonovo e avanza a bo ritmo, xa que os traballos están executados nun 34 %.

Este proxecto recolle outras intervencións, como a mellora de interseccións, construción dunha glorieta e dotación de zonas de aparcadoiro, unhas 200 prazas. Con esta actuación, a Xunta está a atender as solicitudes e demandas trasladadas por distintos colectivos veciñais e o Concello.

No mes de abril iniciouse a construción da senda e ata o de agora, os traballos centráronse, fundamentalmente na execución da pasarela de madeira pola marxe da praia e axilizouse ao máximo para que puidese ser empregada o antes posibles polos veciños. Hoxe, esta infraestrutura xa está rematada e en servizo.

Nestes meses tamén se traballou na construción da glorieta prevista en Soutullo para garantir os cambios de sentido; e na reposición de peches na marxe dereita da estrada, coa fin de minimizar a afección, xa que nesta zona existen numerosos accesos a vivendas e a instalacións hoteleiras.

A conselleira explicou que o seu departamento continúa a traballar nun segundo treito de senda, o que irá de Soutullo ata Major, polo que se vai adxudicar de xeito inmediato, neste primeiro trimestre do ano, coa fin de rematalo no verán de 2018. Trátase dun tramo de 1,2 km de lonxitude no que se investirán preto de 900.000 euros.

Ethel Vázquez indicou que en canto ao terceiro dos treitos, que continuará a senda de Major ata Portonovo, nestes momentos está en fase de redacción de proxecto. Precisou que o obxectivo do Goberno galego é ter o proxecto redactado en marzo ou abril para iniciar a contratación dos traballos este mesmo ano.

TRANSPORTE

Deja un comentario