+034 986 09 02 04 Venres 28 de Febreiro de 2020

O Servizo de Orientación Laboral de Ponteareas atendeu 200 persoas no último cuadrimestre


Os solicitantes demandan ofertas de traballo e cursos de formación
O Servizo de Orientación Laboral do Concello de Ponteareas, situado no Centro de Desenvolvemento Local, dende o pasado mes de setembro no que se iniciou a etapa actual, atendeu 200 persoas de Ponteareas e outros concellos da comarca do Condado. Os datos deunos a coñecer o alcalde, Xosé Represas, responsábel tamén da área de Desenvolvemento económico, quen manifestou, “favorecer a creación de emprego e contribuír a mellorar as capacidades de empregabilidade é unha das prioridades do goberno de Ponteareas. Contar cun servizo de orientación laboral eficaz é necesario para acompañar as persoas en desemprego e que están a sufrir as graves consecuencias da crise económica na súa vida profesional e persoal”
O alcalde tamén indicou a aposta do goberno local por contar cunha bolsa de emprego actualizada e útil, tanto para as persoas en desemprego como para as empresas. Deste xeito axilizarase a atención das demandas que poidan chegar das empresas. Ponteareas é un dos concellos do pais cunha taxa de desemprego mais alta e o que conta co maior porcentaxe de desemprego feminino, “por iso priorizamos ás políticas que favorezan a creación de emprego e que faciliten a integración no mercado laboral”, afirmou Represas
O Servizo de Orientación Laboral do Concello de Ponteareas está financiado en colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria. Dende dito Servizo, as persoas interesadas poden solicitar información e asesoramento en materias como a realización de CV/Cartas de presentación e envío dos mesmos ás empresas, ofertas de emprego e canles de procura do mesmo adaptadas ó perfil do usuario (portais de emprego, metabuscadores, directorios de empresas…), xestións relacionadas con emprego e formación (becas de traballo e formativas a nivel nacional e internacional, tramitación de certificados de profesionalidade, información e axuda na inscrición das listas de substitucións na Administración Pública en xeral, formación con compromiso de contratación…)
Asemade, hai que facer mención á labor de intermediación laboral coas empresas interesadas na contratación de persoal.No período anteriormente indicado, se tramitaron varias ofertas de emprego en categorías como soldador, carretilleiro, promotor comercial, tractorista, coidador ancián, operario cadea produción….
Nestes meses, os temas de apoio máis demandados foron: axuda para realizar o currículo, peticións de novos cursos de formación, inscrición na bolsa de emprego, atención a persoas en risco de exclusión social, etc.
Ademais, neste 2017 impartiranse os seguintes talleres (abertos a todas as persoas que queiran mellorar a súa empregabilidade): O CV EN INTERNET; A PROCURA DE EMPREGO ON LINE; SELECCION DE PERSOAL.
Para poder acceder ao Servizo de Orientación Laboral, poden facelo fixando previamente cita a través do teléfono 986 661050, onde se lle fixará día e hora para unha cita consultando toda a información no taboleiro de anuncios e/ou páxina de Facebook do CDL.

Deja un comentario