+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Setembro de 2019

O Goberno local de Ponte Caldelas axudará ás asociacións do municipio a constituírse legalmente e a acceder ás subvencións oficiais


Unha xuntanza, na que participaron 27 colectivos de toda índole, dá pe ao nacemento de tres novas asociacións veciñais

O Concello de Ponte Caldelas continúa no seu empeño de colaborar con todas as entidades e asociacións do municipio. Así, se hai unha semana comezou coas comunidades de montes, hoxe foi a quenda das asociacións veciñais, culturais, deportivas e de todo tipo, que teñen, a partir de agora, un “socio” que lles axudará a constituirse legalmente, a poñer ao día a súa documentación e a tramitar todas as solicitudes das diferentes liñas de subvencións dispoñibles.
O Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) considera crucial que Ponte Caldelas teña un forte tecido social, con asociacións dinámicas que traballen comunitariamente polo benestar e o desenvolvemento do municipio en todos os eidos. “É un labor que consideramos prioritario porque o Concello ten unha responsabilidade na prestación dos servizos e no impulso xeral do municipio, pero necesitamos tamén a colaboración da nosa xente, dos comerciantes, dos empresarios, das comunidades de montes e, moi especialmente, das asociacións locais”, afirmou o alcalde, Andrés Díaz.
Da importancia da xuntanza dá conta a presencia case ao completo do Goberno local. Asistiron 27 asociacións caldeláns de todo tipo. A responsable técnica municipal neste eido comprobou que moitas delas non están rexistradas diante da Consellería de Presidencia, nin dispoñen de estatutos ou libro de actas ao día, que son requisitos fundamentais para acceder ás subvencións. Ao mesmo tempo, constatouse que Ponte Caldelas carece de asociacións en ámbitos cruciais como a mocidade, a terceira idade, saúde, benestar social ou medio ambiente.
A partir de agora ábrese un intenso traballo de apoio municipal para a posta ao día de toda a documentación para acceder a liñas de subvencións estratéxicas, como poden ser as destinadas ao desenvolvemento de actividades, mellora de camiños ou reformas nos locais sociais. Ao mesmo tempo, dispor da documentación en regra abre as portas á colaboración directa do propio Concello de Ponte Caldelas, que está intensificando a súa actividade.
Unha das mellores novas da xuntanza foi a confirmación do inminente nacemento de tres novas asociacións veciñais en Silvoso, Caldelas e A Reigosa, cuxos futuros directivos contarán co apoio municipal na andaina para a súa constitución formal.
Ademais fíxose un repaso polas subvencións concedidas durante este último ano pola Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Pontevedra a entidades radicadas no concello de Ponte Caldelas e a conclusión foi que resultaron escasas pola falta de concorrencia dos interesados. Fixose notar que non se obtivo ningunha axuda oficial para o desenvolvemento de actividades en galego, que só se logrou unha para actividades deportivas, tres para actividades culturais, tres para actuacións musicais e outras tres para actividades sociais a entidades sen ánimo de lucro. A xuntanza concluíu cunha presentación das próximas convocatorias.
Os representantes dos diferentes colectivos agradeceron ao Goberno local de Ponte Caldelas este esforzo que, a partir de agora, se traducirá nunha información constante sobre as diferentes convocatorias, ademais do apoio técnico para desenvolver trámites que, de acordo cos últimos cambios lexislativos, esixen requisitos novidosos, derivados da introdución da Administración electrónica.
O alcalde concluíu que o Concello xa mantén, dende o comezo deste mandato, unha colaboración moi estable con algúns colectivos como os comerciantes, os hosteleiros e a Sociedade Cultural e Deportiva Ponte Caldelas, pero era necesario crear tamén as condicións necesarias para que as asociacións veciñais e culturais, moi especialmente, sentiran o apoio da institución municipal para desenvolver ao máximo o seu potencial.

Deja un comentario