+034 986 09 02 04 Venres 21 de Setembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A UTE Nexia-ORS, proposta para realizar a mellora de Luís Rocafort en Sanxenxo


 

A empresa debe presentar as garantías para executar a obra nos vindeiros días como paso previo á adxudicación en Xunta de Goberno
A unión temporal de empresas (UTE) Nexia Infraestruturas SLU-Obras, Reformas y Saneamientos SL é a proposta da Mesa de Contratación da Deputación de Pontevedra para realizar as obras de mellora da avenida Luís Rocafort en Sanxenxo. As firmas presentaron unha oferta económica de 1.256.062 euros, que supón unha baixa do 23,9% con respecto ao orzamento de licitación, dato que se engadiu á súa boa valoración do proxecto técnico.
Agora mesmo a empresa está no prazo de presentar as garantías de solvencia para poder executar a obra (dez días hábiles). Unha vez a documentación sexa entregada, a proposta de adxudicación será levada a Xunta de Goberno para a resolución definitiva. De non haber contratempos, asinarase o contrato e realizarase a acta de replantexo. Tamén está previsto que nas vindeiras semanas se celebre unha reunión de coordinación entre a Deputación e o Concello de Sanxenxo coa finalidade de acordar cando é máis conveniente executar a obra.
O deputado de Mobilidade Uxío Benítez fixo públicos hoxe estes datos a maiores dos facilitados pola presidenta na comparecencia sobre a Xunta de Goberno ao ser preguntada pola obra. Segundo tamén insistiu o nacionalista, a reforma de Luís Rocafort é un proxecto do departamento de Mobilidade que nada ten que ver coas liñas de subvención do Plan Concellos.
Benítez, ao igual que xa fixera o vicepresidente Mosquera hai uns días, salientou hoxe tamén que a Deputación modificou o proxecto anterior para a rúa dado que presentaba serias deficiencias, motivo polo que houbo cambios no financiamento que asumiu na súa totalidade o organismo provincial. “O importante aquí é que a obra vai levar unha calidade como se merece a zona”, dixo, para engadir tamén que é preciso cumprir escrupulosamente cos trámites administrativos para que non se produzan contratempos.
Hai que lembrar que a oferta máis económica para executar as obras de Luís Rocafort foi de 1.242.196,35 euros e a máis alta de 1,568.220,5 euros sobre unha base de 1.650.759.28 euros orzamentados inicialmente polos técnicos provinciais.

Deja un comentario