+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación buscará a fórmula para mellorar a mobilidade peonil na estrada provincial que une Portas e Caldas de Reis


O deputado de Mobilidade Uxío Benítez reuniuse hoxe co alcalde de Portas para recoller as súas demandas

O deputado responsable de Mobilidade, Uxío Benítez, asegurou hoxe que a Deputación estudiará a fórmula para mellorar a mobilidade peonil e aumentar a seguranza viaria na estrada provincial que une os concellos de Portas e Caldas de Reis (EP-8004) e permitir que as veciñas e veciños da zona vaian dun a outro concello camiñando. O nacionalista así o manifestou hoxe no seu encontro co alcalde de Portas, con quen se entrevistou para recoller as demandas do municipio relativas ás vías de titularidade provincial.

Ademais de cuestións menores, o rexedor tamén expuxo ao delegado de Mobilidade a situación da estrada EP-0507 entre Portela-Valiñas-Portas, travesía que pasa polo núcleo do concello e que conecta os principais equipamentos (casa consistorial, centro de saúde, pavillón, colexio…) e que nalgúns tramos carece de beirarrúas. Benítez destacou que a Deputación estudiará a realización dunha actuación que permita mellorar a seguranza viaria e garanta unha mobilidade peonil en convivencia con outro tipo de desprazamentos. Neste sentido, o deputado lembrou que a Deputación xa prevé instalar nesta estrada elementos de calmado do tráfico que obrigarán aos coches a baixar a velocidade coa que transitan. En concreto Benítez destacou que se instalarán tres pasos de peóns sobreelevados (PPS), pero subliñou que os técnicos provinciais trasladaranse ata a estrada coa intención de estudar se son necesarios máis elementos deste tipo ou é conveniente valorar outras actuación diferentes, como a elevación da plataforma da estrada ou melloras na tipoloxía da vía.

Por outra banda, Benítez tamén mostrou ao alcalde Víctor Estévez a súa disposición a buscar as mellores fórmulas para mellorar a mobilidade peonil entre os concellos de Portas e Caldas de Reis a través da estrada provincial EP-8004 que une os dous municipios. Nestes momentos a vía dispón dunha senda para os peóns que non ten continuidade nun treito, o que obriga aos veciños a vivir situacións de inseguridade viaria ao transitar directamente pola calzada. A actuación, solicitada polos veciños ao alcalde, será estudada polos técnicos provinciais.

Deja un comentario