+034 986 09 02 04 Venres 27 de Abril de 2018

A feira Abanca Cimag-GandAgro revalida a súa gran afluencia con 21.000 asistentes que coñeceron o último en maquinaria, agricultura e gandería


A MAIORÍA DE VISITANTES FORON PROFESIONAIS DO SECTOR PRIMARIO DE GALICIA, ASTURIAS, CANTABRIA, ALGUNHAS ZONAS DE CASTELA E LEÓN E NORTE DE PORTUGAL

A II Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, ABANCA CIMAG-GANDAGRO 2017, a cal se celebrou dende o xoves na Feira Internacional de Galicia ABANCA, revalidou a gran afluencia rexistrada na súa primeira edición, ao recibir a 21.000 visitantes. A maior presenza de público produciuse hoxe, con momentos de grandes aglomeracións nos pavillóns.

A inmensa maioría de visitantes foron profesionais de Galicia, Asturias, Cantabria e tamén das zonas de Castela e León máis próximas á Comunidade galega e do norte de Portugal.

Abanca Cimag-GandAgro 2017 contou coa presenza de 392 firmas expositoras de 24 países (un máis que na pasada edición), das cales 166 foron expositores directos de oito países (Alemaña, España, Francia, Irlanda, Israel, Italia, Portugal e Reino Unido) e 226 foron marcas representadas. En canto aos expositores directos, procedían de dous países máis que na pasada edición, un 33% máis , mentres que a nivel nacional estas empresas eran de 13 Comunidades Autónomas, un 30% máis. Así pois, a feira reflectiu tanto unha expansión a nivel nacional en canto á procedencia dos expositores como un paso cara adiante na súa internacionalización.

Estes expositores, entre os que se encontraban moitas das empresas máis importantes do sector a nivel nacional e internacional, ocuparon unha superficie bruta de máis de 23.200 metros cadrados e neta de 9.965 metros cadrados. Respecto aos resultados, a inmensa maioría destes expositores expresaron á organización a súa satisfacción tanto polo número de visitantes que recibiron nos seus stands como polo interese amosado por estes respecto á oferta expositiva e tamén polos contactos realizados, supoñendo un perfil de público idóneo para eles.

A feira foi inaugurada o pasado xoves polo Vicepresidente da Xunta de Galicia e presidente da Fundación Semana Verde, Alfonso Rueda Valenzuela, quen estivo acompañado da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, que cualificou a feira como unha “cita imprescindible para o sector” e amosou a súa confianza en que consiga en pouco tempo a consideración de certame de carácter internacional.

Un programa con gran participación

En canto ás actividades do certame, contou con máis de 40 propostas de gran interese para agricultores, gandeiros e profesionais de diversos ámbitos do sector.
No seu marco celebráronse máis de 20 conferencias, contando en xeral cunha gran afluencia que superou os 400 participantes nas celebradas o primeiro día.

Así, acolleu o XXI Monográfico de Gando Porcino e a VIII Xornada Técnica para responsables de Calidade dos Operadores e Fábricas de Pensos de gmp.Galis, os cales estiveron conformados por sete conferencias. Uníronse a estes encontros unha xornada sobre xestión sostible de xurro e outra sobre o sector cunícola, ademais doutras en cuxas conferencias e talleres se expuxeron as tendencias de climatización en granxas avícolas, a dixitalización no sector agroalimentario, as aboadoras de proxección ou o manexo do ensilado, entre moitos outros temas.

Os concursos tamén tiveron un papel importante dentro da feira, celebrándose os morfolóxicos XXXIV Open Internacional e XXVI Autonómico da Raza Frisona, nos cales participaron 172 exemplares de Galicia, Cantabria e Portugal. En ambos concursos alzouse como Vaca Gran Campioa Blanco Asia ET, da gandería Blanco, de Lalín (Pontevedra), e como Mellor Criador, tamén nos dous certames, Casa Pozo, de Lugo. A eles sumáronse no ámbito do frisón o XXXIII Concurso de Xóvenes Manexadores e o X de Preparadores de Gando.

Así mesmo, leváronse a cabo dous certames que premiaron innovacións tecnolóxicas que redundan na mellora do rural, ao cal concorreron 21 propostas. No de Máquinas Destacadas distinguíronse 10 innovacións, mentres que no Abanca GandAgro Innova o primeiro premio foi para un programa centrado na eficiencia e compromiso pola calidade, a seguridade alimentaria, o benestar animal e o medio ambiente no ámbito gandeiro.

Ademais, realizáronse demostracións todos os días, como as de plástico de encintado profesional ou as de máquinas cargadoras e manipuladores telescópicos. Sumáronse a elas exposicións, como a da raza Rubia Galega e a das Razas Autóctonas Galegas en Perigo de Extinción. Estas últimas ademais foron protagonistas hoxe dunha degustación a base de carne, embutidos e produtos dalgunhas das razas.

A todo isto uniuse durante os dous primeiros días un programa de visitas de 200 alumnos de distintos centros de formación profesional relacionados co sector que permitiu tanto aos futuros profesionais deste ámbito como aos seus profesores coñecer de primeira man as súas novidades e perspectivas.

Con todo elo Abanca Cimag-GandAgro consolida a súa posición como unha das principais cita de referencia para o sector agropecuario no noroeste peninsular e a segunda feira de maquinaria forraxeira máis importante de España.

Visitas ao certame

Ademais das autoridades presentes no acto de inauguración da feira o xoves, Abanca Cimag-GandAgro contou hoxe coa visita da directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, quen estivo acompañada do xefe territorial de Medio Rural en Pontevedra, Antonio Crespo. Así mesmo, a feira foi visitada onte por Javier Etcheverría, presidente de ABANCA, entidade que forma parte do Padroado da Fundación Semana Verde de Galicia e é patrocinadora do certame dende a firma dun convenio publicitario coa entidade feiral en xuño de 2015.

Deja un comentario