+034 986 09 02 04 Luns 24 de Xuño de 2019

O PP expón o proxecto da Variante de Alba aos veciños de Cerponzóns


Os populares lamentan que Lores non escoitase aos veciños antes de solicitar á Consellería cambios na proposta presentada

O presidente local do PP en Pontevedra e portavoz municipal, Jacobo Moreira, mantivo este luns unha reunión en Cerponzóns para expoñer a proposta deseñada pola Consellería de Infraestruturas sobre a variante de Alba. Os populares continúan así a rolda de contactos cos principais beneficiarios do proxecto elaborado pola Xunta de Galicia.
“Tras a reunión celebrada a pasada semana en Alba, queremos escoitar e recoller tamén as achegas e suxestións realizadas polos veciños de Cerponzóns, xa que o novo trazado da Variante percorre practicamente na súa totalidade a parroquia”, sinalou este luns o edil popular. “Estamos a realizar uns encontros que debería ter feito o Alcalde antes de solicitar cambios sobre a proposta presentada pola Xunta de Galicia”, sinalou o portavoz dos populares, quen considera “necesario escoitar a todos os veciños interesados, dar conta das súas valoracións e opinións e lograr así un proxecto que conte co maior consenso posible”, manifestou Jacobo Moreira.
Durante o encontro, os populares falaron sobre a proposta realizada polo BNG de Lores para incluír no proxecto da variante de Alba un carril bici “illado”, pois tal e como entende o portavoz popular “un carril bici en medio da nada, non conduce a ningún sitio”. De feito, Jacobo Moreira xa avanzou hai uns días que “tratarei de facerlle ver ao Alcalde que esta petición é un disparate”.
O estado no que quedará o actual vial de San Caetano, en Alba, tamén foi outro dos temas tratados no encontro. Así, tras a demanda veciñal trasladada na reunión da pasada semana, os populares consideran que este tramo debería manter o dobre sentido, tal e como está na actualidade, e incluso darlle tratamento urbano mediante unha cesión por parte da Consellería ao Concello.
Con todo, a formación que encabeza Jacobo Moreira trasladará tamén á Xunta de Galicia as achegas e suxestións realizadas hoxe polos veciños de Cerponzóns.

Deja un comentario