+034 986 09 02 04 Domingo 18 de Novembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

As oficinas “SmartPeme” da área de Vigo acollen preto de 20 obradoiros no mes de febreiro


“SmartPeme” é un programa de asesoramento no ámbito das TIC da institución provincial destinado ás persoas emprendedoras e ás pemes da provincia

As oficinas SmartPeme da área de Vigo, situadas nos concellos de Ponteareas, O Porriño e Vigo, acollerán durante todo o mes de febreiro un total de dezaseis obradoiros ao abeiro do programa “SmartPeme” da Deputación de Pontevedra. “SmartPeme” oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.

As quendas para o mes de febreiro na oficina de Vigo son as seguintes: o xoves 2, “Comercializa os teus servizos a través das redes sociais”, seguido de “A túa páxina web en menos de 90 minutos” o luns 6. Esa mesma semana, desenvolverase “Xestiona o teu negocio dende o móbil” o venres 10 e, a seguinte, desenvolverase “Como mellorar a percepción da túa clientela cos teus e-mails” o mércores 15. Despois, o martes 21 terá lugar “Comercio electrónico para pemes (Prestashop)” que dará paso, para rematar, a “Redes sociais para a empresa: é Twitter a túa solución?” o martes 28. A oficina “SmartPeme” de Vigo, na Sede da Deputación da cidade, atópase na Rúa Oporto, nº 3.
A oficina de Ponteareas acollerá os seguintes obradoiros: o mércores 1 de febreiro, “Xestión da túa empresa: facturación e ferramentas integradas”. O martes 7 será a quenda de “Elixe a túa plataforma de comercio electrónico”, que dará paso o xoves 9 a “Google Calendar: moito máis que unha axenda”. O luns 13 de febreiro seguiralle “Deseña sinxelamente imaxes abraiantes e profesionais” e, por último, o venres 24 desenvolverase “Comercio electrónico para pemes (Prestashop)”. A oficina “SmartPeme” de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, nº 5.

A oficina do Porriño acollerá os seguintes obradoiros: o xoves 2 de febreiro, “Comercializa os teus servizos a través das redes sociais”. O seguinte martes, día 7, “Redes sociais para a empresa: é Twitter a túa solución?”. “Elixe a túa plataforma de comercio electrónico” desenvolverase o martes 14 de febreiro, ao que lle seguirá “Como mellorar a percepción da túa clientela cos teus e-mails” o venres 17. A última quenda será a de “Comercio electrónico para pemes (Prestashop)” o mércores 22. A oficina “SmartPeme” do Porriño, no Multicentro do concello, atópase na rúa Ribeira, s/n.

Todas as actividades –tanto as de Ponteareas como das do Porriño e as de Vigo– terán lugar en horario de 19:00 horas e a inscrición se pode facer a través do número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es

Lembramos que o novo proxecto “SmartPeme”, en palabras da Presidenta da Deputación, Carmela Silva, “é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pemes e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos campos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos”. Para isto, nas oficinas de SmartPeme no Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo se poñen en marcha as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores e emprendedoras, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as pemes e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

Deja un comentario