+034 986 09 02 04 Xoves 19 de Xullo de 2018

Medio Ambiente e o Concello de Valga estudan novas actuacións para mellorar a rede de saneamento e abastecemento do municipio


Beatriz Mato reuniuse co alcalde de Valga e co director de Augas de Galicia co obxectivo de dar prioridade á conexión de novos núcleos á EDAR municipal

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, mantivo un encontro co alcalde de Valga, Juan María Bello Maneiro, para avanzar en posibles actuacións de mellora na rede de saneamento e abastecemento de auga á poboación.

Durante o encontro, no que tamén participou o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, os titulares das dúas administracións acordaron analizar en detalle a rede de saneamento co fin de dar prioridade a posibles actuacións que permitan conectar novos núcleos á EDAR existente.

Ademais, Beatriz Mato mostrou interese polas propostas do alcalde en materia de subministro de auga á poboación e comprometeuse a estudalas cos técnicos.

Cómpre salientar que o departamento de Medio Ambiente vén de licitar por valor de case un millón de euros unha obra que suporá a mellora do estado actual das canalizacións do Río Soutiño e evitará os problemas de asolagamento que se producen nesta zona. Así, se complementan as actuacións executadas con anterioridade por Augas de Galicia, que consistiron no acondicionamento das canles de derivación do río Valga, ao seu paso polas parroquias de Valga e de Campaña.

Deja un comentario